Máis de 4.000 alumnos de 174 centros educativos participarán nas probas de certificación en linguas estranxeiras financiadas pola Xunta

As probas, dirixidas a estudantes de 4º de ESO, Bacharelato e FP dos colexios e institutos seleccionados na convocatoria, poden consultarse no Portal Educativo

Os estudantes teñen a posibilidade de obter unha acreditación oficial nunha lingua estranxeira, totalmente de balde para as familias

A Consellería de Educación destina 450.000€ para financiar con 100€ a cada un dos alumnos que se presenten ás probas á proposta dos centros

Lun, 05/12/2022 - 13:07
e

Máis de 4.000 alumnos de 174 centros educativos públicos de Galicia participarán nas probas de certificación en linguas estranxeiras financiadas pola Xunta de Galicia no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica no Portal Educativo a resolución da convocatoria para este fin, coa listaxe dos centros seleccionados que, á súa vez, foron os encargados de propoñer para as probas os alumnos dos seus respectivos centros matriculados en 4º de Educación Secundaria Obrigatoria, na etapa de Bacharelato ou en ciclos de Formación Profesional no presente curso 2022-23.

A Consellería destina unha partida de 450.000€ para o financiamento destas probas, cunha contía de 100€ por proba e alumno que se lle outorgará a cada centro e que abranguerá a realización das probas das destrezas orais e escritas e a certificación correspondente.

A través da proba, que é totalmente de balde para alumnos e familias, os estudantes que participen nela poderán certificar a súa competencia lingüística nos niveis B1, B2 ou C1 do Marco Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa (MCERL). Cada alumno poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira, que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira. Cómpre lembrar que o B1 equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular.

Os centros educativos encárganse de seleccionar as probas ás que se presentará o seu alumnado que, previamente, será asesorado polos seus docentes de lingua estranxeira sobre as características da proba.

As familias ou, no seu caso, os centros educativos, encargaranse da organización e traslado do alumnado ao lugar de realización das probas se estas non se poden realizar no propio centro, así como dos gastos derivados destes desprazamentos.

Estratexia Edulingüe 2030

Esta iniciativa está enmarcada na Estratexia de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que entre os seus obxectivos estratéxicos contempla a internacionalización do sistema educativo galego apostando pola educación intercultural e multilingüe e pola mobilidade do alumnado.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en marcha por primeira vez un sistema de acreditación de linguas deste tipo como experiencia piloto en 2018 e que ía dirixido unicamente aos centros plurilingües. O pasado ano 2021 estas probas abríronse ao conxunto do alumnado independentemente de se cursaban estudos nun centro plurilingüe ou non.

Cómpre lembrar que grazas ao bo traballo dos profesionais dedicados ao plurilingüismo, Galicia é a Comunidade Autónoma con mellor nivel de inglés de España segundo o informe internacional publicado por EF.