O conselleiro de Cultura e Educación salienta o papel dos Consellos Escolares para a participación de todos os sectores da comunidade educativa

Xesús Vázquez Abad abriu a Xunta de Participación dos Consellos Escolares das CCAA no Consello Escolar do Estado, que se celebra hoxe en Santiago de Compostela

Mér, 25/01/2012 - 11:25

Vídeo coas declaracións de Xesús Vázquez

Imaxe da reunión
Imaxe da reunión

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, abriu hoxe a Xunta de Participación dos Consellos Escolares das Comunidades Autónomas no Consello Escolar do Estado, un encontro que se celebra hoxe en Santiago de Compostela.

O conselleiro quixo aproveitar esta reunión para salientar a importancia destes órganos para a participación do conxunto da comunidade educativa, órganos de consulta e participación, de representación de toda a comunidade educativa: docentes, familias, alumnado e persoal de administración e servizos.

Así, explicou que “son o vehículo que permite o traballo común e o esforzo en busca dun único obxectivo: o beneficio do alumnado”. Neste mesmo sentido Vázquez Abad gabou o labor dos presidentes dos Consellos Escolares, para o que “ademais dunha ampla experiencia e unha valía sobradamente mostrada, se necesitan tamén cordura e habilidade, diplomacia e talento”. “Todo elo – engadiu- é imprescindible para conducir unhas reunións nas que todos os asistentes deben poder expoñer as súas posturas, sentir que as súas ideas son valoradas e ver reflectidos os seus propósitos nas decisións ás que se chegue”.

Neste sentido Vázquez Abad, que é o único conselleiro que preside un Consello Escolar autonómico, quixo agradecer o labor do vicepresidente deste órgano en Galicia, Fernando del Pozo, “sen cuxa colaboración a miña presidencia non sería posible”.

Reunión anual

Esta reunión de presidentes precede ao encontro anual de Consellos Escolares, que se celebrará na Rioxa, e que xirará en torno á formación e avaliación –entre outros aspectos- do profesorado no século XXI. Un encontro no que, tal e como explicou o conselleiro, “afondaremos na calidade, a nosa maior preocupación, focalizándoa agora na docencia”.

As conclusións resultantes destes encontros anuais adoitan ser documentos de referencia para a comunidade educativa, tal e como ocorreu co último deles, sobre a autonomía dos centros educativos como factor de calidade.