A Xunta inviste 1,1 M€ para ampliar a oferta educativa e mellorar as instalacións do instituto de Mos

O conselleiro anuncia a inminente licitación da ampliación deste centro por 750.000 euros que permitirá acoller novos ciclos de FP Básica

Recorda que a este investimento se suma o realizado polo Goberno autonómico hai dous anos por máis de 400.000 euros para mellorar a cuberta

Enmarca estas actuacións “na atención do Goberno galego ás zonas con maior crecemento de poboación e, polo tanto, con máis necesidades de escolarización”

Mar, 29/11/2022 - 10:51
m

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde o instituto da localidade de Mos, “un centro que a Xunta de Galicia vai ampliar para dar un mellor servizo á comunidade educativa”, anunciou o conselleiro.

A actuación, que conta cun orzamento de máis de 750.000€, ten como obxectivo crear máis aulas e permitirá acoller novos ciclos de FP Básica. Con esta actuación, o Goberno autonómico eleva a 1,1M€ o investimento no instituto de Mos, onde en 2020 xa se realizaron traballos de mellora da cuberta, indicou.

En canto a inminente licitación da ampliación do instituto explicou que as novas clases situaranse no primeiro andar do edificio, que concentrará a maior parte da obra. Serán en total catro novos espazos, todos eles cunha superficie maior de 60 m2 e con iluminación exterior. Ademais, neste mesmo andar crearase unha zona de estudo comunicada coa biblioteca a través dunhas novas escaleiras cara ao piso inferior.

Xa na planta baixa a intervención centrarase na ampliación da biblioteca cara a zona do acceso principal do edifico, ademais de crear a devandita escaleira que permitirá subir á zona de estudo da planta primeira.

Máis de 2,5M€ no concello

O conselleiro enmarcou esta ampliación “na atención que dá o Goberno galego ás zonas con maior crecemento de poboación e, polo tanto, con máis necesidades de escolarización”. “De feito –sinalou– este investimento súmase aos máis de 2,5M que a Xunta ten investido nos últimos anos nos centros educativos deste concello de Mos”.

A actuación forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta pioneira coa que Galicia se adianta no deseño das escolas poscovid, adaptando os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. A través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos, cun orzamento total de 191M€.

O obxectivo final é acadar centros más amplos, mellor dotados desde o punto de vista tecnolóxico, máis cómodos para alumnado e profesorado, máis respectuosos co medio ambiente e capaces de aforrar consumo enerxético.