A Xunta adxudicará a vindeira semana a rehabilitación integral do instituto de Foz, cun investimento de máis de 1,2 M€

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, explica que as obras, enfocadas principalmente á eficiencia enerxética, suporán un aforro de consumo anual de máis do 56%

O proxecto inclúe a substitución das 195 ventás do centro, o illamento da fachada e da cuberta, a substitución de luminarias e a reforma do cortaventos da entrada do edificio principal, entre outros

A actuación farase de acordo do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, enfocado ao deseño de centros escolares máis confortables, sostibles e innovadores

Lun, 03/10/2022 - 14:07
f

A Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral do instituto IES de Foz, cun investimento de 1.235.861€, tal e como avanzou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro da Mariña luguesa que conta con algo máis de 400 alumnos matriculados de ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

Román Rodríguez sinalou que está previsto adxudicar o contrato de obra a finais da vindeira semana e os traballos teñen un prazo de execución de cinco meses.

Descrición dos traballos

A parte principal da actuación vai enfocada á mellora da eficiencia enerxética do instituto, polo que para ilo substituiranse as 195 ventás do centro por outras de carpintería de aluminio e se procederá ao illamento térmico da fachada (co sistema SATE) e da cuberta. Así mesmo substituirase a chapa da cuberta por paneis sándwich, os lucernarios e as luminarias por equipos LED de baixo consumo.

Tamén se levará a cabo a reforma do cortaventos da entrada ao edificio principal, recuperando espazo do vestíbulo como espazo de estancia, colocarase falso teito acústico en todo o centro e retirarase a cuberta do lucernario da cafetería para colocar outro novo. A obra completarase con outras melloras de carácter funcional como pintura do centro, acabados e carpintería exterior entre outros.

“Todas estas medidas -asegurou o conselleiro- supoñen un aforro enerxético anual de entorno ao 56% en consumo de enerxía e de preto do 62% en emisións de CO2 no edificio principal”.

Esta actuación enmárcase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego que, cun investimento de 191M€ para esta lexislatura.

O obxectivo deste plan, pioneiro en España, é avanzar en infraestruturas educativas máis confortables, máis innovadoras e máis sostibles desde o punto de vista medioambiental.

Con cargo a este Plan, na provincia de Lugo a Xunta ten en marcha (en distintas fases) un total de 31 actuacións deste tipo que suman un importe de 16,9 M€.