A Xunta inviste máis de 60.000€ en melloras no Colexio de Mondariz-Balneario, que acaba de estrear nova cuberta

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, achegouse ao CEIP Nosa Señora de Lourdes para comprobar resultado das obras

Tamén visitou o Centro Integrado de FP A Granxa, en Ponteareas, onde coñeceu de primeira man os traballos e programas de innovación que está a desenvolver como centro referente das familias Agraria, de Industrias Alimentarias e de Seguridade e Medio Ambiente

Ven, 30/09/2022 - 13:25
c

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, vén de visitar os concellos de Mondariz-Balneario e de Ponteareas para coñecer de primeira man as intervencións e os programas educativos que se están a desenvolver no colexio Nosa Señora de Lourdes e no Centro Integrado de FP A Granxa respectivamente.

En Mondariz-Balneario, a Xunta de Galicia vén de investir este mesmo ano algo máis de 60.000€ en dúas obras de mellora no colexio público Nosa Señora de Lourdes, un centro no que estudan actualmente 51 nenos. De feito, vén de estrear unha nova cuberta de tella cerámica curva, que supuxo un investimento de preto de 46.300€. Así mesmo, acometeuse unha reforma dos falsos teitos por un importe de case 14.000€.

Logo de visitar o colexio de Mondariz-Balneario, Román Rodríguez desprazouse a Ponteareas para coñecer de primeira man as actividades e os programas de innovación educativa que desenvolve o Centro Integrado de Formación Profesional, CIFP A Granxa, un referente das ensinanzas formativas das familias Agraria, de Industrias Alimentarias e de Seguridade e Medio Ambiente.

12 hectáreas de produción agroalimentaria

O centro imparte os ciclos de grao medio Produción agroecolóxica, xardinaría e floraría e Aceites de oliva e viños; os de grao superior Xestión forestal e do medio natural, Vitivinicultura e Educación e control ambiental, así como o ciclo básico de Agroxardinaría e composicións florais, que suman máis de 500 alumnos matriculados.

Da man do equipo directivo do centro, o conselleiro fixo un percorrido polos edificios que conforman o centro formativo da Granxa así como por parte das 12 hectáreas de terreo que destinan, principalmente, á produción vinícola e de kiwi ecolóxico.

Precisamente hai uns días o alumnado do grao de vitivinicultura vén de rematar a vendima para posteriormente elaborar e embotellar os caldos nas adegas do CIFP. Así mesmo, o conselleiro coñeceu de primeira man un proxecto innovador para a produción e envasado de millo doce.