A Xunta convoca os premios fin de carreira para titulados superiores de Música, Arte Dramática, Conservación e Restauración de Bens Culturais e Deseño
Están dirixidos ao alumnado destas ensinanzas que rematou os seus estudos no curso 2021-22 cunha nota media igual ou superior a 8,5 no expediente
O prazo para presentar as solicitudes remata o 12 de setembro
A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios Fin de Carreira para o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais en centros públicos de Galicia.
Estes galardóns -cuxos requisitos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia recoñecen a excelencia no rendemento académico e o esforzo, traballo e dedicación dos alumnos destas ensinanzas que remataron os seus estudos no curso 2021-22. Ademais, os galardoados recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros.
En total poderán concederse ata seis premios, a razón de dous para as ensinanzas superiores de Música, outros dous para ensinanzas superiores de Deseño, un para ensinanzas superiores de Arte Dramática e outro para ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
Entre os requisitos cómpre salientar ter finalizado os estudos das titulacións artísticas antes sinaladas no curso 2021-22 cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos. Os interesados deberán formular as solicitudes de xeito exclusivamente electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia, podendo empregar o sistema Chave365. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 12 de setembro.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades instaurou estes premios por primeira vez no ano 2020, co fin de que os alumnos destas ensinanzas artísticas superiores estiveran en igualdade de condicións e de oportunidades que os titulados universitarios, que xa contan con galardóns deste tipo desde hai anos.