Os versos de Celso Emilio Ferreiro enchen as rúas de Celanova para conmemorar o centenario do poeta

A Xunta de Galicia inicia hoxe os actos de celebración do ano do escritor na súa vila natal, coincidindo co día do seu nacemento

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos inauguraron a iniciativa Cen poemas en Celanova, que exhibirá nun cento de establecementos do concello outros tantos poemas de Celso Emilio

Edicións de libros, exposicións, concertos e a creación dunha páxina web son algunhas das iniciativas que realizará o Goberno galego en colaboración con outras entidades para conmemorar esta efeméride durante o 2012

Mér, 04/01/2012 - 13:51
Os versos de Celso Emilio Ferreiro enchen as rúas de Celanova
Os versos de Celso Emilio Ferreiro enchen as rúas de Celanova para conmemorar o centenario do poeta

A Xunta de Galicia inicia hoxe en Celanova os actos de celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento. Cen poemas en Celanova constitúe a primeira iniciativa que desenvolverá o Goberno galego, en colaboración con diversas entidades, para celebrar esta efeméride.

No marco desta acción, un cento de establecementos da localidade ourensá exhibirán nos seus escaparates, durante todo o ano 2012, outros tantos poemas de Celso Emilio, para achegarlle ao público o máis significativo da obra do escritor. A iniciativa completarase coa edición especial dunha obra que, ademais de repasar a biografía do poeta, inclúe os cen poemas seleccionados e un plano de situación cos establecementos que participan no proxecto.

A iniciativa Cen poemas en Celanova foi inaugurada esta mañá na vila natal do poeta polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e polo director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, nun acto no que tamén participaron, entre outros,  o alcalde e o concelleiro de Cultura de Celanova, Antonio Mouriño e José Luis Ferro, respectivamente; o presidente da deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Camilo Isaac Ocampo, e os voceiros dos tres grupos políticos municipais de Celanova.

Lingua galega, literatura e actividade socioeconómica

Na sede do concello, Anxo Lorenzo referiuse ao proxecto como “unha iniciativa coa que queremos encher cos versos de Celso Emilio as rúas de Celanova, para que poidan dialogar cos veciños e veciñas da localidade, pero tamén con todos os que visiten Celanova e que queiran descubrir ou reencontrarse coa voz e coa palabra do poeta”.

Esa aproximación entre o autor e o público búscase resituando os circuítos culturais convencionais nun escenario alternativo como son os establecementos da vila. Preténdese, coa colaboración da Xunta, da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Celanova, do concello, da Fundación Celso Emilio Ferreiro e da empresa Ouvirmos facer máis accesible a obra do poeta a toda a cidadanía. “Xúntase, daquela, lingua galega, literatura e actividade socioeconómica, unha ecuación que é beneficiosa para todos: para o idioma, para o comercio, para a cultura galega e para a cidadanía”, afirmou Anxo Lorenzo.

“Nova vida” para a poesía de Celso Emilio

Pola súa parte, Francisco López asegurou que “é unha satisfacción persoal e institucional poder participar neste primeiro acto de homenaxe a unha das grandes personalidades da escrita que construíron a identidade de Galicia”. O director xeral tamén subliñou que a iniciativa Cen poemas en Celanova lle fornece nova vida á mellor poesía dun dos celanoveses máis ilustres, enchendo a vila, a través do comercio cunha creación poética que naceu para traspasar todas as fronteiras”.

Durante a presentación da iniciativa, léronse poemas do libro de Celso Emilio Onde o mundo se chama Celanova e realizouse unha ofrenda floral diante do monumento do escritor. O acto rematou cun percorrido pola vila para visitar os establecementos que participan no proxecto que concluíu na rúa que leva o nome do escritor.

Múltiples actividades para 2012

Durante todo o 2012, a Xunta de Galicia ten programada unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, Esta programación, desenvolvida en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas, quere pór de manifesto a vixencia dunha figura imprescindible para a literatura galega como a de Celso Emilio Ferreiro. 

Ademais do proxecto Cen poemas en Celanova, a programación incluirá unha exposición interactiva sobre o escritor, que percorrerá o territorio da comunidade en itinerancia polas bibliotecas e os centros escolares de Galicia. Tamén se levarán a cabo dous concertos de homenaxe, a través de Axencia Galega das Industrias Culturais, coa participación de destacados intérpretes galegos que levaron aos escenarios e popularizaron poemas do autor e coa realización dun espectáculo multimedia baseado na súa figura.

A creación da páxina web oficial de Celso Emilio Ferreiro e a celebración dunha xornada de homenaxe na Biblioteca da Cidade da Cultura serán outras das iniciativas que se realizarán este ano. Cómpre subliñar tamén o proxecto Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, coa repartición de poemas da autoría do escritor celanovés nas caixas do correo das rúas das cidades e vilas de Galicia que levan o nome do escritor.

Traducións da obra

Para proxectar a literatura galega, a Xunta de Galicia ten previsto editar Longa noite de pedra en versión inglesa, ao cargo do tradutor Jonathan Dunne e no marco da colección Galician Classics. Nesta mesma liña editarase a versión bilingüe galego castelán de Longa noite de pedra, ao cargo do profesor e crítico Ramón Nicolás, que tamén prepara unha biografía, que se sumará á homenaxe. Finalmente, a Xunta apoiará a edición dos artigos publicados por Celso Emilio no diario ABC.