A Xunta convoca as probas de certificación en linguas estranxeiras para o alumnado que cursa 4º de ESO, Bacharelato e FP en centros públicos de Galicia

Os estudantes teñen a posibilidade de obter unha acreditación oficial nunha lingua estranxeira, totalmente de balde para as familias

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financia con 100€ a cada un dos alumnos que sexan seleccionados polos centros para presentarse ás probas

Os centros dispoñen de prazo ata o 1 de agosto para solicitar a participación nesta convocatoria

Mar, 28/06/2022 - 15:11

A Xunta de Galicia vén de convocar as probas de nivel para a certificación de competencias en linguas estranxeiras dirixidas ao alumnado que no curso 2022-23 estea matriculado en 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria, na etapa de Bacharelato ou en ciclos de Formación Profesional en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

A Consellería habilita unha partida de 450.000€ para o financiamento destas probas, cunha contía de 100€ por proba e alumno que se lle outorgará a cada centro e que abranguerá a realización das probas das destrezas orais e escritas e a certificación correspondente.

A través da proba, que é totalmente e balde para alumnos e familias, os estudantes que participen nela poderán certificar a súa competencia lingüística nos niveis B1, B2 ou C1 do Marco Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa (MCERL). Cada alumno poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira, que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira. Cómpre lembrar que o B1 equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular.

Organización e xestión das probas

Serán os propios centros educativos quen deberán tramitar electronicamente as solicitudes para a participación nestas probas. Nas solicitudes -que teñen de prazo para presentar ata o 1 de agosto- deberán indicar o número de alumnos interesados, a súa identificación e o nivel ao que accede.

Os centros educativos tamén se encargarán de seleccionar as probas ás que se presentará o seu alumnado que, previamente, será asesorado polos seus docentes de lingua estranxeira sobre as características da proba.

As familias ou, no seu caso, os centros educativos, encargaranse da organización e traslado do alumnado ao lugar de realización das probas se estas non se poden realizar no propio centro, así como dos gastos derivados destes desprazamentos.

Estratexia Edulingüe 2030

Esta iniciativa está enmarcada na Estratexia de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que entre os seus obxectivos estratéxicos contempla a internacionalización do sistema educativo galego apostando pola educación intercultural e multilingüe e pola mobilidade do alumnado.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en marcha por primeira vez un sistema de acreditación de linguas deste tipo como experiencia piloto en 2018 e que ía dirixido unicamente aos centros plurilingües. O pasado ano 2021 estas probas abríronse ao conxunto do alumnado independentemente de se cursaban estudos nun centro plurilingüe ou non.