A Xunta convoca as axudas de desprazamento para que o alumnado de FP realice prácticas formativas en Galicia, España e no estranxeiro

Dotadas con 800.000€, as bolsas van dirixidas a estudantes que estean cursando o último ano dun ciclo formativo en centros públicos ou en ensinanzas concertadas

A contía máxima da axuda acada os 375€ para o alumnado que realice as prácticas dentro da comunidade autónoma e fóra do seu concello

Os alumnos que vaian ao estranxeiro disporán dunha base fixa de ata 240€ e unha parte variable de ata 150€ á semana en función do país de destino

Dom, 19/06/2022 - 12:06

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas económicas ao desprazamento dirixidas ao alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo (FCT) e ao alumnado que cursa a modalidade de FP Dual co fin de compensarlles parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades formativas que se poden desenvolver en empresa da comunidade autónoma ou do resto de España e mesmo noutros países de dentro ou fóra da Unión Europea.

Segundo se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un orzamento total de 800.000€ a esta acción que leva desenvolvendo desde hai anos e que, na liña do establecido na Estratexia FP Galicia 2030, afonda na mellora das competencias a través dunha formación práctica ao tempo que favorece a mobilidade nacional e transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Destinatarios e prazos

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, de grao medio ou grao superior de Formación Profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo formativo de FP Dual. En calquera caso, deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro deste ano.

A convocatoria establece dúas modalidades en función dos destinatarios. Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas, e o número de xornadas. Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma recibirá ata un máximo de 375€, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.

No caso do alumnado que realice a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

Na modalidade B, destinada a quen realice a formación fora do territorio español, a contía das axudas variará en función do país de destino. Deste xeito, establécese unha contía base de entre 120€ e 240€ dependendo do país (para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro), e unha cuantía adicional segundo as semanas de estadía no estranxeiro para dita formación, que vai dos 72€ aos 150€/semana.

Solicitudes

O alumnado deberá tramitar as axudas a través do centro educativo no que estea a estudar a FP e haberá dous prazos para facelo. O primeiro deles estará aberto ata o 18 de xullo e está dirixido a quen realizase a FCT nos períodos de outubro de 2021 a marzo de 2022 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2022, así como ao alumnado de FP Dual.

O segundo prazo, comprendido entre o 15 de outubro e o 15 de novembro de 2022, será para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2022 e que a remate antes do 31 de decembro de 2022.