As bibliotecas escolares galegas acaparan case a cuarta parte dos premios nacionais mentres 8 CCAA quedan fóra do certame

Numerosos centros educativos difunden as súas recomendacións de lecturas para estas datas

Galicia é por segundo ano consecutivo a Comunidade máis premiada no Concurso Nacional de Buenas Prácticas doblando a Madrid e Cataluña

Dom, 25/12/2011 - 12:00

Galicia vén de acadar, por segundo ano consecutivo, ser a Comunidade Autónoma con máis bibliotecas escolares galardoadas no “Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2011”. Seis dos nosos centros resultaron premiados na edición de 2011, polo seu traballo para facer das bibliotecas escolares espazos dinámicos que actúen como recurso didáctico e integrador para a mellora da calidade do ensino. Desta forma Galicia acadou o 22% dos 27 premios concedidos, e é a Comunidade máis premiada, ao igual que o foi no 2010, con 8 centros galardoados. Cómpre salientar que outras comunidades como Cataluña ou Madrid só obtiveron 3 premios, o que fala por si só dos méritos que, tamén en termos comparativos, reúnen as nosas bibliotecas. Ademais, outras 8 comunidades autónomas, entre elas Euskadi e Valencia, non colleitaron ningún galardón

A lectura é un hábito que debe acompañar ás alumnas e alumnos galegos no seu día a día, máis nos seus momentos de lecer. Conscientes disto, as bibliotecas escolares dos centros de ensino de Galicia están a  difundir entre os seus usuarios recomendacións de lecturas para estas datas, con especial atención aos días de vacacións de Nadal.

Desta forma favorécese que as rapazas e rapaces vexan na lectura unha alternativa de ocio, ao mesmo tempo que reforzar as súas competencias lectoras e lingüísticas e estimulan a súa imaxinación.

Numerosas bibliotecas de centros educativos están a publicar nas súas webs e blogs seleccións de títulos - tanto recentes como obras dunha certa antigüidade- dirixidas aos lectores máis novos. Cómpre salientar que non se trata só de libros, senón que as recomendacións inclúen cine, música e outras manifestacións culturais, que contribúen a desenvolver maiores capacidades de comprensión dos textos. Ademais estes estudantes teñen máis recursos cos que enfrontarse ás novas aprendizaxes. Algunhas destas recomendacións poden consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no seguinte enlace .

Doutra banda, e a maiores de  guías de lectura ou recomendacións, as bibliotecas escolares están a difundir diversas publicacións de interese: boletíns trimestrais, guías para colaboradores, guías para pais, boletíns temáticos... Algúns exemplos poden consultarse no seguinte enlace.

Desta forma foméntase o hábito lector do alumnado galego, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe, que favorece a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, mellora a súa comprensión lectora e estimula a lectura como forma de lecer entre o alumnado; elementos fundamentais para o éxito escolar.

Corte de audio do director xeral de Centros e Recursos Humanos José Manuel Pinal Rodríguez