Educación subvencionará o servizo de comedor escolar para 689 comensais dos concellos de Ferrol, Narón, Mugardos e Muíños

A Consellería asinará convenios de colaboración con estas entidades locais

Sáb, 24/12/2011 - 10:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinará convenios de colaboración cos concellos de Ferrol, Narón, Mugardos e Muíños para a subvención do servizo de comedor escolar en 14 centros educativos.

Grazas á colaboración económica da Consellería de Educación, os alumnos e alumnas de 8 comedores da cidade de Ferrol poderán seguir utilizando este servizo, malia a decisión de FEANPAS de non continuar coa súa xestión, concretamente nos CEIP Cruceiro de Canido, Recimil, Isaac Peral, Manuel Masdias, San Xoán de Filgueira, Esteiro e Pazos, e no CPI Almirante Juan de Lángara y Huarte, todo eles do Concello de Ferrol. Ademais benefícianse destes acordos os usuarios dos comedores dos CEIP A Solaina, A Gándara, Virxe do Mar e Do Feal, en Narón. No caso de Mugardos, o centro beneficiado é o do CEIP Unión Mugardesa, e no Concello de Muíños, o CEIP Valle Inclán.

Ao abeiro destes acordos de colaboración, a Consellería subvencionará os menús de 689 comensais durante todo o curso escolar, para o que achegará máis de 138.100 euros. Pola súa banda, os concellos comprométense á elaboración dos menús escolares, a repartición e recolla deles nas mesas do comedor; así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

De acordo coa estratexia de fomento dos hábitos alimentarios saudables que mantén a consellería, os menús deberán ser equilibrados. Ademais, programaranse actividades de promoción da saúde, hábitos alimenticios e habilidades persoais.

Ferramenta de conciliación

Con estes acordos a consellería contribúe á conciliación da vida familiar e laboral daquelas familias ás cales, por non seren usuarias de transporte escolar, non lles correspondería o servizo de comedor escolar subvencionado no seu centro educativo.

Ademais, a Consellería de Educación e o Concello de Santiago de Compostela asinaron un protocolo de intencións para a xestión do servizo de comedor escolar en 11 centros escolares da cidade, co fin de garantir a prestación deste servizo.

Con este acordo a Consellería e o Concello dan mostra do seu compromiso coa comunidade educativa de Santiago de Compostela, especialmente no que toca ás actuacións impulsadas a prol da conciliación entre a vida escolar a o traballo das familias da cidade.