As Deputacións da Coruña e de Pontevedra, e as cidades de Santiago e de Ferrol adhírense á rede de dinamización lingüística

A súa incorporación foi ratificada esta mañá na reunión ordinaria do Consello de Membros da Rede

Galicia conta desde hoxe coa primeira programación de dinamización lingüística consensuada entre as administracións autonómica e local, que tamén foi aprobada na reunión

As actividades do programa desenvolveranse durante o 2012 en todos os concellos da Rede, que aglutinan unha poboación de case 900.000 habitantes

Xov, 22/12/2011 - 14:25
Na imaxe, de esquerda a dereita, Jesús Oitavén, Anxo Lorenzo e Valentín García.
Na imaxe, de esquerda a dereita, Jesús Oitavén, Anxo Lorenzo e Valentín García.

As deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra, e os concellos de Santiago de Compostela e de Ferrol suman o seu compromiso á promoción do galego desde o ámbito local coa súa incorporación á Rede de Dinamización Lingüística. A súa adhesión foi ratificada esta mañá na reunión ordinaria do Consello de Membros da Rede, que estivo presidida polo seu presidente e secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

Acompañaron a Anxo Lorenzo o vicepresidente da Rede e secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén, e o coordinador técnico da Rede, Valentín García. Tamén participaron no Consello de Membros a secretaria xeral de Igualdade e o director xeral de Administración Local, Susana López Abella e Norberto Uzal, respectivamente, representantes da Xunta na Rede. Finalmente, asistiron os representantes políticos das entidades adheridas.

Con estas catro novas adhesións, actualmente forman parte da Rede 97 entidades, entre elas, 90 municipios. Para fomentar o uso do galego nos seus concellos, que aglutinan unha poboación de case 900.000 habitantes, a Rede levará a todos eles diversas actividades durante o 2012. Para a súa planificación, o Consello de Membros aprobou hoxe a primeira programación de dinamización lingüística que se realiza de xeito unificado entre as administracións local e autonómica.

Formación específica en dinamización lingüística

Xunto coas actividades de dinamización, a programación de 2012 tamén incidirá no aspecto formativo. Na reunión, o secretario xeral “destacou a importancia de poñer a andar e consolidar unha formación que ata agora a Administración nunca lles dera ao persoal que desenvolve tarefas de dinamización lingüística desde os concellos”.

As axudas para o fomento do galego desde o ámbito local foi outro dos puntos que se tratou no encontro. Esta convocatoria, que busca fomentar a presentación dun servizo lingüístico nos concellos e promover o desenvolvemento de programas de fomento do galego, farase pública nos próximos días e permitirá imputar o gasto de 2011 e de 2012, por mor da anulación da deste ano.

Posta en valor do esforzo dos concellos

Grazas a esta subvención, os concellos que non teñen capacidade para contar cun servizo propio poden acollerse a modalidades de agrupamento ou tamén solicitar axudas para o desenvolvemento de actividades. Ao fío disto, o secretario xeral puxo en valor “os esforzos que nestes tempos difíciles economicamente están a facer os concellos por manter un servizo á cidadanía que lle compete e que é importante para favorecer o uso e a utilidade da lingua galega na sociedade”.

Na actualidade, un total de 67 entidades locais, entre concellos e deputacións, contan con servizo lingüístico. Deles, 37 están representados na Rede de Dinamización Lingüística, o que supón unha porcentaxe do 55,2% do total.

Finalmente, na reunión ordinaria do Consello de Membros tamén se aprobou a imaxe corporativa da Rede, coa que se establece a súa imaxe gráfica identificativa, así como o regulamento interno, polo que se rexen os órganos e membros da entidade.

Unha nova etapa para a dinamización social do galego

A Rede de Dinamización Lingüística é unha iniciativa impulsada polas administracións autonómica e local para avanzar na planificación e na coordinación da dinamización lingüística en todo o territorio de Galicia. Ademais dos 90 concellos de toda Galicia, tamén forman parte dela as deputacións provinciais de Ourense, de Pontevedra e da Coruña; as mancomunidades de Arousa Norte, Comarca de Fisterra e Terras de Celanova; e o Consello da Cultura Galega.

Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais de xeito coordinado e planificado son os principais obxectivos que moven a actuación da Rede, unha iniciativa que supón unha nova etapa na promoción social do idioma.

Menús News node R

Departamento