Un recital poético une as linguas galega, éuscara e catalá na Universidade do País Vasco

Os centros de estudos galego e catalán da universidade promoveron hoxe “A outra poesía” para difundir as linguas propias de Galicia e Cataluña en Euskadi

María Lado e Lucía Aldao foron as encargadas de achegarlle a poesía galega ao alumnado das Aulas de Experiencia, onde se forman persoas maiores

Mér, 21/12/2011 - 18:16
Un recital poético une as linguas galega, éuscara e catalá
Un recital poético une as linguas galega, éuscara e catalá na Universidade do País Vasco

A Universidade do País Vasco acolleu esta tarde un recital poético que une os idiomas galego, catalán e éuscaro. “A outra poesía” é o nome desta iniciativa que promoven os centros de estudos galego e catalán da universidade para difundir as linguas propias de Galicia e de Cataluña en Euskadi.

O recital, que tivo lugar esta tarde na Facultade de Letras, serviu para achegarlles a lingua galega aos alumnos e alumnas das Aulas de Experiencia, espazos onde se desenvolven actividades para a promoción e o desenvolvemento sociocultural das persoas maiores.

As encargadas de facelo foron as escritoras galegas María Lado e Lucía Aldao. O poeta Josep Pedralbes participou no recital en representación da literatura catalá, mentres que a  poesía éuscara foi da man da escritora Maialen Lujanbio, gañadora do último certame de bertsolaris do País Vasco, cantigas improvisadas similares ás regueifas.

Os lectorados e centros de estudos galegos cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística en universidades de todo o mundo realizan numerosas actividades durante o curso académico para dar a coñecer fóra de Galicia a lingua, a literatura e a cultura galegas. O pasado mes de novembro, os centros de estudos galegos das universidades do País Vasco e de Deusto tamén participaron na posta en marcha da I Mostra Cinematrográfica galega en Euskadi. Baixo o título “Galicia, un escenario de cinema”, a iniciativa ofreceu unha mostra desta arte galega, centrada no cinema de actualidade.

Máis de 300 alumnos e alumnas

Durante o curso académico 2010-2011 foron máis de 300 os alumnos e alumnas que aprenderon lingua, literatura e cultura galegas nas universidades do País Vasco e de Deusto, onde a secretaría xeral conta con dous centros de estudos galegos dotados de cadanseu profesor lector.

Na actualidade, a través dos centros de estudos galegos, a lingua galega está presente en universidades de España, Alemaña, Arxentina, Brasil, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Croacia. A creación destes centros enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece o desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial.

Menús News node R