O conselleiro de Educación entrega un dos premios da primeira edición dos galardóns do Círculo de Xóvenes Empresarios de Ourense

É un recoñecemento á cultura do emprendemento e ao labor desenvolvido a prol do mundo da empresa

Os premiados foron a empresa Sonen, na categoría de Xoven Empresario; Modera Media SL, na de iniciativa emprendedora, e a Facultade de Empresariais e Turismo de Ourense, pola súa traxectoria a prol da empresa.

Lun, 19/12/2011 - 20:30

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo hoxe entrega do premio ao Xoven empresario 2011 concedido polo Círculo de Xóvenes Empresario de Ourense na primeira edición de dito galardón.

Os galardoados

O premiado foi Sonen (Centro de Acústica e Servizos de Telecomunicación, SL), cuxo galardón foi recollido por Óscar Outumuro Cid, en representación da empresa nacida en 2007.Sonen está conformada por un grupo de enxeñeiros con ampla experiencia en investigación en acústica e novas tecnoloxías en sistemas de telecomunicación. Nesta categoría valorouse o traballo dunha empresa moza á que se lle valorou a capacidade de creación de emprego estable, a evolución dos beneficios xerados, o volume da inversión realizada, así como o carácter innovador da mes, e o grado de proxección tano a nivel nacional como internacional. Do mesmo xeito tamén foron puntuadas as boas prácticas desenvolvidas na xestión empresarial.

Asemade tamén se recoñeceu o labor de Modera Media SL. como a Iniciativa Emprendedora do presente ano; un premio recollido por José Manuel Regueiro Bolaño de mans do presidente da Confederación Empresarial de Asociación de Xóvenes Empresarios (CEAJE), David Alba Rodríguez.  Neste caso o xurado puntuou o carácter innovador do servizo o volume da inversión realizada, así como os proxector enmarcados en sectores emerxentes e o perfil dos seus promotores. Cómpre sinalar que a actividade desta empresa xira en torno ao control, revisión, supervisión e adaptación de contido sen aplicacións informáticas.

Por último fíxose unha mención honorífica ao traballo desenvolvido pola Facultade de Ciencias Empresariais de Ourense, un premio quefoi entregado polo director xeral de relacións laborais, Odilo Martiñá Rodríguez e foi recollido pola decana da Facultade, Elisa Alén. Un galardón que recoñece a traxectoria destacada desta institución que fomenta a cultura emprendedora, a través do seu apoio as actividades desenvolvidas neste ámbito, así como aos proxectos realizados por outros empresarios.

Espírito emprendedor

Durante o acto o conselleiro deu conta da satisfacción por contemplar os froitos do traballo conxunto e coordinado dos diferentes estamentos sociais a prol do fomento da cultura do emprendemento.

Neste sentido explicou que a Consellería está a procurar que o alumnado acade unha cultura de creación e valoración da empresa desde as etapas máis temperás, a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende. “Coa coordinación de sinerxías en materia emprendedora actúamos sobre os sistema educativo, mediante iniciativas como a creación de viveiros, a convocatoria de concursos ou a formación específica”, dixo.

“Con medidas como esta procuramos imbuír nos máis novos o espírito emprendedor, motor da innovación, da competitividade e do crecemento da economía. Porque é preciso que as nosas rapazas e rapaces entendan e valoren os esforzos precisos para manter solidariamente o estado de benestar”, engadiu.

Dirixíndose ao publico asistente Vázquez Abad destacou que “aquí concéntranse hoxe algúns dos mellores expoñentes do espírito emprendedor, motor da innovación, da competitividade e do crecemento da economía en Ourense”. “Quero pois felicitar ao Círculo de Xóvenes Empresarios por recompensar o ánimo de loita que move a este colectivo a superar todos os obstáculos e a utilizar a súa imaxinación, os seus recursos e a súa enerxía na creación de empresas que benefician a toda a sociedade”, engadiu.

Cómpre sinalar que o Círculo de Xóvenes Empresario de Ourense, nacido o ano pasado, xa conta con preto de 150 socios que representan a moitos dos sectores e comarcas da provincia. Así estes premios veñen a ser un recoñecemento a labor desenvolvida pola empresas en Ourense, así como á súa capacidade para continuar a traballar neste tempos de grave crise económica nos que nos atopamos.