A literatura galega entrega hoxe dous recoñecidos premios poéticos: o Arume e o Eusebio Lorenzo Baleirón

Rafa Vilar recibirá da man da Fundación Neira Vilas o Premio Arume de Poesía Escrita para Nenos/as, co que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo tamén apoiará o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que lle entrega a Isaac Xubín o seu vixésimo cuarto galardón

Dom, 18/12/2011 - 11:10

A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a creación en galego a través da súa colaboración con dous certames poéticos de recoñecido prestixio no panorama literario: o Premio Arume de Poesía Escrita para Nenos/as e o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que entregarán esta tarde os seus galardóns de 2011.

O escritor Rafa Vilar recibirá o Premio Arume nun acto que terá lugar esta tarde, ás 16:30 horas, na sede da Fundación Neira Vilas, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. A súa obra Patente de corso (pequeno dicionario pirata) resultou a gañadora da sexta edición do certame, na que tamén se concederon dúas mencións de honra: ás obras Verdedades, da autoría de Yolanda Castaño, e Flores de abruñeiros, de Alberto Calvín.

“Piratas bos e atractivos para o público infantil”

En opinión do xurado, Patente de corso é unha composición protagonizada por “piratas bos e atractivos para o público infantil, que mesmo esquecen cargar os canóns para librar así unhas batallas nas que ninguén se magoa”. Tamén destacou da obra “o seu ritmo rápido e estilo lixeiro”, así como “o seu léxico coidado, que mestura termos tradicionais con termos piratas, conseguindo un ambiente literario lúdico e apacible”.

O acto de entrega deste premio, que está dotado cunha contía económica de 1.000 e coa publicación da obra, poderá seguirse en directo a través de internet desde a páxina da Fundación Xosé Neira Vilas, en http://www.fundacionxoseneiravilas.com/.

Un premio consolidado

Isaac Xubín tamén recibirá esta tarde o galardón da vixésimo cuarta edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón pola súa obra Con gume de folla húmida. O acto terá lugar a partir das 17:00 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón e contará coa actuación musical de Campo de Estrelas. A secretaría xeral anuncia o seu apoio á próxima edición 2012 deste certame consolidado.

O xurado destacou da obra “unha tensión poética mantida ao longo do poemario, que permite a fluidez dos versos de xeito natural, cunha mestura da lingua, do tempo e da terra”. Tamén salientou “a calidade en xeral das obras presentadas ao premio, así como o elevado número, que pon de manifesto a importancia do certame na literatura galega”.

Alentar a creación literaria en galego

O obxectivo da Secretaría Xeral de Política Lingüística co seu apoio a estes dous destacados premios é alentar a creación poética en lingua galega e impulsar a difusión do idioma nun ámbito prioritario como o literario. Con este mesmo fin, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo colabora tamén con outros certames, como o Premio de Narrativa Breve Repsol, o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, o Premio García Barros de novela, ou, no marco educativo, o Premio de Narración IES Gregorio Fernández.

Así mesmo, tamén contan co apoio da secretaría xeral entidades de referencia no ámbito da literatura, entre elas o Centro PEN Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Finalmente, son diversas as fundacións de autor que reciben colaboración de Política Lingüística, tales como as de Rosalía de Castro, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Carlos Casares.
 

Menús News node R