A xefatura territorial de Educación na Coruña ordena a suspensión cautelar das clases ata o luns no IES Cabo Ortegal, de Cariño

O centro sufriu hoxe as consecuencias do temporal ao levantarse unha pequena parte da cuberta do mesmo

O xefe territorial, Indalecio Cabana, adoptou esta medida tras manter un encontro coa unidade técnica e a inspección educativa, no que se determinou a necesidade de garantir a seguridade do alumnado e persoal do centro e arranxar os danos

Ven, 16/12/2011 - 14:28

O xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana, vén de anunciar a suspensión cautelar ata o luns das clases no IES Cabo Ortegal, no Concello de Cariño, tras as incidencias no tellado derivadas do temporal que está a afectar a Galicia no día de hoxe.

A decisión tomouse despois de que por mor do forte vento, entre as 10 e as 11 horas se levantara algunhas chapas de cubrición da cuberta e se soltasen outras. A superficie afectada correspóndese cun 10 por cento do total da cuberta. O incidente provocou danos nun vehículo que estaba aparcado nas inmediacións, sen que se rexistraran danos persoais e garantindo en todo momento a seguridade do alumnado e do persoal do centro.

Unha vez posto en coñecemento da xefatura o acontecido, enviouse de inmediato a un arquitecto da unidade técnica xunto con persoal dunha empresa construtora para que adoptara as medidas necesarias, que consisten en suxeitar as pezas  de chapa e para evitar que causen danos ás persoas. Dita actuación levarase a cabo nas vindeiras horas, quedando garantida a suxeición cara ao final da tarde.

En todo caso para garantir a seguridade de toda a comunidade educativa acordouse suspender as clases da tarde, o que afecta aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto da ESO, que tiñan reforzo lingüístico, e a alumnos de bacharelato que tiñan programado un exame que se realizará a vindeira semana.

En todo momento a xefatura mantívose en contacto cos equipos técnicos e foi de acordo coas observacións dos expertos cando se tomou a decisión de suspender as clases de modo temporal. Cando as condicións meteorolóxicas o permitan, realizarase unha reposición da parte da cuberta afectada garantindo a impermeabilidade do recinto educativo.