O Museo Pedagóxico de Galicia estrea a exposición ‘Cadernos Escolares: redaccións, copias, ditados...’

Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, recibiu hoxe aos responsables da mostra

Os visitantes poderán gozar desta mostra ata finais do mes de xaneiro

Mér, 14/12/2011 - 17:44
Xesús Vázquez visita a mostra Cadernos Escolares: redaccións, copias, ditados...
Xesús Vázquez visita a mostra Cadernos Escolares: redaccións, copias, ditados...

Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, recibiu hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) aos responsables da mostra ‘Cadernos Escolares: redaccións, copias ditados...’, unha exposición temporal cedida polo Centro Museo Pedagóxico da Universidade de Salamanca, da que poderán gozar os visitantes desde hoxe ata o 27 de xaneiro.

Neste encontro, ao que asistiu, entre outros, o director do Museo Pedagóxico da universidade salmantina, Bienvenido Martín Fraile, o conselleiro salientou o importante valor patrimonial do material da mostra. Ademais explicou que o MUPEGA - dependente da Consellería de Educación -  colabora na exposición cunha importante achega de material escolar – cadernos, etc- procedente dos seus fondos, e que constitúen un valioso patrimonio que recolle o acontecer diario das escolas de antano. Este material reflicte ademais os antigos currículos didácticos, permitindo un repaso pola historia da educación en España desde dentro.

As pezas que se poderán contemplar no MUPEGA son, ademais, recordos do traballo infantil das xeracións anteriores, que reflicten o seu esmero diante do rigoroso exame da inspección educativa do que eran obxecto.

Esta mostra é un novo expoñente do albor desenvolvido polo MUPEGA a prol da posta en valor do patrimonio pedagóxico da nosa terra. Quen desexen gozar dela poden facelo no horario habitual de visita do museo, de martes as sábados, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, con entrada gratuíta.