Os centros educativos galegos sitúanse como referencia de calidade polo seu traballo na dinamización das bibliotecas escolares

Galicia é por segundo ano consecutivo a Comunidade Autónoma máis premiada no ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las biblioteca de centros escolares de 2011’

Este recoñecemento confirma o auxe que están a vivir as bibliotecas escolares galegas, grazas ao compromiso das comunidades educativas e ao apoio que se lles está a dar desde a Consellería de Educación

O congreso ‘Bibliotecas Escolares en Tránsito’, celebrado en Santiago de Compostela, foi un gran éxito, cunha gran valoración por parte dos máis de 500 asistentes

Sáb, 10/12/2011 - 11:40

Declaracións do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal

Congreso: Bibliotecas Escolares en Tránsito
Congreso: Bibliotecas Escolares en Tránsito

Os centros educativos galegos están a converterse nun referente de calidade polo seu bo traballo na dinamización das bibliotecas escolares. Non en balde, Galicia é por segundo ano consecutivo a Comunidade Autónoma máis premiada no ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2011’, organizado polo Ministerio de Educación, e que no 2011 avalou o traballo de seis colexios e institutos que levan a cabo diferentes iniciativas para que as súas bibliotecas sexan espazos dinámicos que actúen como recurso didáctico e integrador para a mellora da calidade do ensino.

Con estes seis centros premiados Galicia ve recompensados os esforzos desenvolvidos en torno a lectura e bibliotecas escolares, a través de diferentes iniciativas impulsadas pola Consellería de Educación, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe. Este recoñecemento dá conta ademais do auxe que están a vivir as bibliotecas escolares en Galicia. De feito, na edición de 2010 deste mesmo certame resultaron galardoadas 8 bibliotecas de colexios e institutos galegos.

Bibliotecas galardoadas

Na modalidade dirixida aos centros de educación infantil, primaria, especial e de persoas adultas foi galardoado cun primeiro premio o CEIP de A Lama, de Pontevedra; cun segundo premio o CEIP Conde de Fenosa, do Barco de Valdeorras; e con dous terceiros premios o CRA de Ribadumia e o CEP Xosé María Brea Segade, de Taragoña (Rianxo).

Doutra banda, na categoría destinada aos centros de educación secundaria, Formación Profesional, ensinanzas artísticas e Escolas Oficiais de Idiomas, recoñeceuse con dous terceiros premios o traballo do IES de Celanova e do IES Alexandre Bóveda, de Vigo

Auxe das bibliotecas galegas

Tal e como explicou o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jose Manuel Pinal Rodríguez, estes premios dan mostra do éxito da estratexia de posta en valor das bibliotecas escolares e de fomento da lectura que continúa a desenvolver a Xunta de Galicia a través do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe, que favorece a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, mellora a súa comprensión lectora e estimula a lectura como forma de lecer entre o alumnado; elementos fundamentais para o éxito escolar.

Deste xeito favorécese o hábito lector do alumnado, a través de diferentes programas, como ‘Hora de Ler’ - con iniciativas coma a dos clubs de lectura, as mochilas viaxeiras ou o concurso de lectura en voz alta ‘Ler e escoitar’-, ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, no que están integrados neste curso 2011/2012 un total de 449 centros de distintos niveis do ensino, repartidos por toda a xeografía galega.

Así mesmo, José Manuel Pinal lembrou o éxito do Congreso ‘Bibliotecas Escolares en Tránsito’, celebrado o pasado mes de novembro en Santiago de Compostela, coa participación de máis de 500 docentes implicados en bibliotecas de centros educativos de toda España, e que foi altamente valorado polos asistentes, pola calidade dos relatores e das experiencias presentadas, entre as que se encontraban as actuacións de seis centros galegos.

Entre as conclusións deste congreso, os expertos destacaron que hoxe é máis necesario ler e escribir para desenvolverse como cidadáns, e por tanto é imprescindible e urxente a formación de lectores e escritores competentes, tarefa na que ten un papel moi importante a biblioteca escolar.

Internet é un excelente medio para coñecer esta realidade a través dos máis de 300 blogs de bibliotecas escolares galegas e do portal temático de bibliotecas escolares da Consellería de Educación - http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/- , que dá acceso a informacións, documentos de apoio e materiais dos centros, e que ten un importante seguimento dentro e fóra de Galicia.