Comunicación conxunta das Consellerías de Sanidade e Educación sobre a xestión de contactos estreitos covid-19 no ámbito educativo - 04/03/2022

Ven, 04/03/2022 - 19:46

O pasado 1 de marzo de 2022, tras a valoración da situación epidemiolóxica actual por parte das diferentes comunidades autónomas, a Comisión de Salud Pública del Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud chegou a un acordo a partir do cal se elimina a recomendación de corentenar aos contactos estreitos a nivel comunitario.

Neste acordo establécese a necesidade de dirixir as actuacións a protexer á poboación máis vulnerable, reducindo as medidas que se están a levar a cabo na poboación xeral. Considéranse ámbitos vulnerables a efectos deste documento: centros sanitarios asistenciais (hospitais e centros de diálise), centros sociosanitarios (residencias de maiores, centros de día e discapacidade) e outros centros con persoas institucionalizadas (centros penitenciarios).

Tendo en conta que os centros educativos non se enmarcan como ámbitos vulnerables, as actuacións a seguir neles serán as mesmas que a poboación xeral en canto á identificación e manexo de contactos estreitos: NON se realizará identificación dos contactos estreitos na poboación xeral e serán os propios casos os que deben informar aos seus contactos estreitos do diagnóstico de COVID para que extremen as medidas de prevención.

A definición de contacto estreito e o prazo para identificar contactos estreitos mantense, polo que comeza 2 días antes da data de inicio de síntomas (ou da toma de mostra nos casos asintomáticos) e remata no momento que comeza o illamento do caso positivo.

En relación ao uso da plataforma EduCovid:

  • Os casos confirmados seguirán rexistrándose en EduCovid

  • Os contactos estreitos do ámbito educativo NON se identificarán, polo que non se rexistrarán no EduCovid

Data implantación en Galicia: luns 7 de marzo de 2022 (tendo en conta os días lectivos, a partir de maña 05/03/2022 xa NON será necesario identificar contactos estreitos do ámbito educativo)

Actuación ante contactos estreitos identificados antes da implantación deste acordo: suspenderanse as medidas de corentena/vixilancia indicadas previamente e pasaran a aplicarse as medidas recollidas neste documento.

Recomendacións preventivas para contactos estreitos da COVID-19 a partir do 7/3/22: https://www.sergas.gal/Saude-publica/Recomendacions-preventivas-contactos-estreitos