O conselleiro de Educación destaca en Megaxove o interese da cidadanía galega pola Formación Profesional

Xesús Vázquez Abad visitou o estand de FP nesta salón, onde salientou a aposta que o departamento que dirixe está a facer para poñer en valor estas ensinanzas

Mar, 06/12/2011 - 19:15
O conselleiro de Educación destaca en Megaxove o interese da cidadanía galega po
O conselleiro de Educación destaca en Megaxove o interese da cidadanía galega pola Formación Profesional

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o interese crecente que a cidadanía galega está a mostrar pola Formación Profesional, o que se traduciu nun incremento no que vai de lexislatura do 23,1% do número de matriculados nestas ensinanzas, que acadaron este curso os 42.755 matriculados.

Durante a súa visita hoxe ao estand de Formación Profesional na XII Salón da Xuventude, ‘Megaxove’, que se celebra no recinto Expourense, o conselleiro explicou que o número de persoas que acoden a este posto para recibir información sobre a FP aumenta cada ano, o que demostra que as galegas e galegos ven nos ciclos formativos e Programas de Cualificación Profesional Inicial unha oportunidade para formarse nunhas ensinanzas que contan cun alto nivel de empregabilidade e inserción laboral, “algo fundamental na actual situación do mercado de traballo”.

Vázquez Abad salientou, neste sentido, a importancia da estratexia que o departamento que dirixe vén desenvolvendo desde o inicio da lexislatura para o reforzo e posta en valor destas ensinanzas, a través da adaptación dos currículos á Lei das Cualificacións Profesionais, a posta en marcha de 7 novos Centros Integrados de Formación Profesional ou a creación de novos viveiros de empresa, entre outras liñas de actuación para a mellora da FP e o fomento do emprendemento entre os seus titulados.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia valorou ademais a importancia de Megaxove, “un espazo no que os máis novos atopan unha ampla oferta de actividades, que reforzan valores fundamentais para a vida diaria, como son o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ó Medio Ambiente”.

FP en Megaxove

No estand da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pode consultarse a oferta de ciclos formativos de Formación Profesional, así como o Catálogo de Validacións para os técnicos superiores de Formación Profesional que accedan a estudos universitarios nas universidades galegas. Tamén poden ser consultadas as diferentes iniciativas que se desenvolven nos centros educativos galegos a prol do emprendemento, a través do Programa eduEmprende.

Nesta edición préstase ademais especial atención á convivencia interxeracional fomentando que os nenos e mozos acudan a Megaxove acompañados das súas familias e realicen actividades xuntos.

Miles de rapazas e rapaces acoden esta ponte - entre 5 e 8 de decembro á XII edición de Megaxove, un salón que conta con máis de 60 actividades de lecer e deportivas que converten a Expourense no punto de encontro da mocidade galega.

Nunha superficie de 8.000 metros cadrados danse cita 46 expositores entre federacións e clubes deportivos, asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia. Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros que teñen como obxectivos non só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente.