A Xunta promove o acceso do alumnado de FP á universidade cun acordo para a convalidación de estudos

Os estudantes que teñan superado ciclos de grao superior e decidan continuar na universidade poderán solicitar o recoñecemento de determinadas materias acorde á táboa de recoñecementos pública e obxectiva

Román Rodríguez salienta que Galicia “unha vez máis vai por diante das propostas do Ministerio”, xa que leva anos traballando na imbricación entre estudos de ciclos formativos e de graos universitarios “cun catálogo de recoñecementos público e obxectivo”

No actual curso 2021-22 hai preto de 1.500 estudantes que accederon á universidade a través dun título de FP, e outros arredor de 3.000 titulados universitarios que cursan graos formativos

Os recoñecementos atinxen a 188 graos e catro dobres graos, cun incremento do 22% respecto aos recollidos no acordo de 2017

Mar, 08/02/2022 - 12:57

O Goberno galego impulsa a relación entre a Formación Profesional e os estudos universitarios para os vindeiros anos a través dun acordo para facilitar o recoñecemento de materias ao alumnado que acceda á universidade desde os ciclos superiores de FP.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá un convenio para o recoñecemento. Este convenio, que estará en vigor durante catro anos (ata o curso 24-25), dá continuidade ao acordo formalizado no ano 2017 e que estivo vixente ata o de agora, pero coa conseguinte adaptación á oferta existente nestes momentos.

Así pois, Galicia “vai unha vez máis por diante a nivel estatal”, sinalou o conselleiro Román Rodríguez en referencia a unha recente proposta do Ministerio de Educación de comezar a traballar na convalidación de estudos entre FP e universidades. O titular de Educación sinalou que desde o Goberno galego “levamos anos traballando para lograr unha maior imbricación entre graos formativos e graos universitarios, estreitando lazos de colaboración a todos os niveis”.

Para Román Rodríguez, o éxito educativo de Galicia, que se manifesta en índices como “a caída histórica do abandono escolar ao 8% e con taxas de empregabilidade na FP que acada o 85% en xeral e chega a case o 97% no caso da Dual” pasa, entre outros, por “non entender os distintos niveis académicos como compartimentos estancos, senón por saber aproveitar todos os fluxos e sinerxías”.

Nesta liña enmárcase o acordo asinado hoxe, do que se van ver beneficiadas todas as partes, tanto os estudantes de ciclos formativos como as propias universidades, xa que “dispoñen duns criterios públicos e obxectivos que lle dá certezas e seguridade a ambos á hora de pasar da FP a estudos de grao”.

Neste presente curso escolar, preto de 1.500 estudantes que accederon ás universidades galegas fixérono alegando un título de Formación Profesional. Ademais, segundo o estudo de inserción laboral presentado onte, aproximadamente a metade do total de titulados en ciclos formativos o pasado ano ( 53,1% no caso das mulleres e 42,7% no caso dos homes) optan por continuar estudando. E desa metade, arredor do 25% (28% de mulleres e 23,3% de homes) optan por estudos universitarios, principalmente das ramas de Ciencias Sociais e Xurídicas e de Ciencias da Saúde.

Procedemento de recoñecemento

A través deste acordo, o alumnado que teña superado ciclos de grao superior, e decida continuar estudos nalgunha das tres universidades galegas, poderá solicitar que se lle recoñezan certos créditos de determinadas materias nun total de 188 graos e catro dobres graos, o que representa un incremento de case o 22% respecto aos 151 graos e dous dobres graos recollidos no acordo anterior, de 2017. Deste xeito verán recoñecidos ditos coñecementos como superados.

Os recoñecementos son as que figuran nas táboas anexas ao acordo onde se recollen os recoñecementos directos de créditos nas titulacións universitarias oficiais de grao para os titulados en Formación Profesional de grao superior de acordo coas normas de cada unha das universidades galegas.

Para facer efectivo o recoñecemento, os interesados deberán tramitar a correspondente solicitude de acordo co procedemento establecido en cada universidade. No caso das titulacións oficiais de grao que non figuran nos anexos de recoñecemento directo, os interesados poderán solicitar a cada universidade o recoñecemento de créditos nas titulacións universitarias oficiais, que serán obxecto de análise individual e non de recoñecemento directo.

O recoñecemento de créditos realízase en función do currículo galego dos ciclos a superados, polo que se recoñecen os titulados que teñan superado o ciclo superior en Galicia ou en calquera outra comunidade co mesmo currículo en dito ciclos. A nota obtida nos créditos recoñecidos será a nota media do ciclo recoñecido como equivalente a ditos créditos universitarios.