Xesús Vázquez Abad mantén conversacións con representantes do Concello de Berlín co obxectivo dun futuro intercambio de accións a prol da formación do profesorado

O conselleiro de Educación anuncia que o acordo facilitará e fomentará a empregabilidade, e promoverá a cooperación entre centros de ensinanza

Sáb, 03/12/2011 - 13:00

Declaracións do conselleiro de Educación sobre a xuntanza

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Berlín
Na foto a consejera de Educación da Embaixada de España en Berlín, Carmen Fernández-Salguero Suárez; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a representante da axencia de asuntos europeos para o ámbito da FP en Berlín, Dorlies Radike-Thiel; e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Berlín acordaron levar a cabo un programa de acollida recíproca do profesorado e alumnado  de FP entre centros galegos e da capital xermana. A iniciativa, que permitirá fomentar o intercambio de coñecementos entre docentes e enriquecer as competencias do alumnado que sexa seleccionado para as estadías en Galicia e Berlín, servirá así mesmo para coñecer de preto e mesmo avanzar cara o modelo paradigmático da educación dual alemá.

O encontro entre o conselleiro de Educación e unha representación do Concello berlinés tivo como obxectivo buscar bases para realizar unha futura colaboración a prol da formación continua do profesorado de formación profesional. Tal e como sinalou Xesús Vázquez Abad, “a finalidade do acordo é o de lograr o perfeccionamento dos docentes e que este repercuta positivamente no proceso de aprendizaxe dos estudantes que tamén poderán mellorar no coñecemento de linguas”.

Dominio das linguas comunitarias

Co acordo, que se substanciará proximamente nun documento definitivo, as dúas institucións seguirán as recomendacións recollidas no Tratado da Unión Europea respecto das accións relativas ao dominio das linguas comunitarias. Vázquez Abad dixo que “o obxectivo de estas accións é favorecer a empregabilidade e a calidade das ensinanzas de FP. Ao mesmo tempo búscase a promoción da cooperación entre os centros de ensino e incrementar o intercambio de información e experiencias sobre cuestións comúns nos sistemas de formación dos estados membros da Comunidade Europea”.

No devandito documento cada unha das partes asinantes seleccionará centros en Berlín e Galicia, en distintos sectores profesionais, para acoller as estadías dun número determinado de profesores e alumnos. Así, Xesús Vázquez Abad destacou que “estivemos a tratar a posibilidade de elaborar un programa de acollida e participación en centros educativos para os docentes galegos en Berlín e viceversa. Uns custes que serían asumidos a partes iguais entre a Consellería e o Concello de Berlín”.