Eduardo Blanco Amor recibe a homenaxe e o recoñecemento da Xunta de Galicia no aniversario do seu pasamento

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na ofrenda floral que o Centro PEN Galicia organizou en recordo do escritor con motivo do seu trixésimo segundo cabodano

Anxo Lorenzo recordou no cemiterio ourensán de San Francisco “unha das figuras máis interesantes e destacadas da literatura galega”

Xov, 01/12/2011 - 14:20
O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na ofrenda floral que
O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na ofrenda floral que o Centro PEN Galicia organizou en recordo do escritor Eudardo Blanco Amor

O escritor Eduardo Blanco Amor recibiu esta mañá a homenaxe e o recoñecemento da Xunta de Galicia no día en que se cumpren trinta e dous anos do seu pasamento. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na ofrenda floral celebrada con motivo do cabodano do escritor no cemiterio ourensán de San Francisco, á que tamén asistiron o secretario da delegación da Xunta en Ourense, Luis Menor, e o xefe territorial de Cultura na provincia, Gerardo Pumar.

O Centro PEN Galicia promoveu este acto en recordo de Blanco Amor, no que tamén participaron, entre outros, o presidente desta entidade, Luís González Tosar; o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar; a tenenta de alcalde de Ourense, Isabel Pérez; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; e o escritor Bieito Iglesias. Alumnado e profesorado do IES Blanco Amor de Ourense tamén se sumaron á homenaxe.

“Coa nosa participación neste acto –dixo Anxo Lorenzo– queremos seguir mantendo  acesa a chama do recoñecemento que merece Blanco Amor pola súa inestimable contribución á literatura galega”. “Queremos continuar recordando e aplaudindo a traxectoria dun home polifacético e prolífico que traballou con mestría a novela, a poesía e o teatro, pero que tamén destacou no seu labor como xornalista e mesmo desde a súa paixón pola fotografía”, asegurou.

Difundir a obra de Blanco Amor

O secretario xeral cualificou a obra de Blanco Amor como “moderna e avanzada”, da que naceron títulos como A Esmorga, “unha novela considerada por algúns a mellor do seu xénero en galego e que veu inaugurar un espazo novo na narrativa galega”. Co fin de reforzar o recoñecemento da obra de Blanco Amor, Anxo Lorenzo amosou a disposición do seu departamento a colaborar co Centro PEN Galicia e coa Deputación Provincial de Ourense na posta en marcha de iniciativas que difundan entre a cidadanía e, en concreto, entre os escolares, a súa traxectoria vital e profesional.

Recoñecemento a escritores senlleiros

Co obxectivo de promover a extensión social do galego a través da literatura, Política Lingüística apoia o traballo que realizan entidades de referencia neste ámbito, como o Centro PEN Galicia. Ao abeiro dun convenio, ambas as entidades colaboran na realización  de iniciativas a prol do recoñecemento e da difusión da obra de destacadas figuras da literatura galega, como foi o caso, durante o 2011, de Aquilino Iglesia Alvariño e de Xosé María Díaz Castro, con motivo da conmemoración dos 50 anos do pasamento do primeiro e da celebración do medio século da publicación do poemario Nimbos, do segundo.