Xesús Vázquez gaba “a contribución do Premio de Narrativa Breve Repsol ao sector editorial, á industria cultural e á promoción social do galego”
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a delegada territorial da Xunta na Coruña e o secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto de entrega da quinta edición do premio, que se celebrou esta tarde na Coruña
O escritor e docente Fernando Díaz-Castroverde recibiu o galardón pola obra “Microbios e outros paquidermos”
A consellería, a RAG, a Editorial Galaxia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaboran coa Fundación Repsol na convocatoria do certame
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participaron esta tarde na entrega do V Premio de Narrativa Breve Repsol, que lle foi concedido a Fernando Díaz-Castroverde pola súa obra de microrrelatos Microbios e outros paquidermos.
Na sede da Fundación Paideia, que acolleu a celebración do acto, Xesús Vázquez destacou o certame como “un valor á alza para estimular a creación literaria en galego”, ao tempo que gabou “a súa contribución coa difusión e promoción social da lingua galega, e co sector editorial, industria cultural de primeira orde na nosa comunidade”. “É en iniciativas coma esta –engadiu– nas que latexa a semente do porvir e sobre as que se asenta un pobo que aspira a construír o seu propio futuro nun clima social positivo, capaz de superar os retos e desafíos que nos presenta o século XXI”.
Competencias lectoras sólidas
O conselleiro tamén tivo palabras de recoñecemento para o gañador da quinta edición do certame, o escritor e docente Fernando Díaz-Castroverde, galardoado cunha “distinción que sinala a súa achega ao mundo da literatura galega, a súa contribución á creación dun imaxinario de noso e a súa participación na formación de novos lectores entre a xuventude, ás que cómpre inculcarlle competencias lectoras sólidas”.
Finalmente, Xesús Vázquez felicitou a Fundación Repsol por esta iniciativa e expresoulle a vontade da consellería de continuar colaborando coa entidade na convocatoria do premio.
A colaboración coa Fundación Repsol
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaboran coa Fundación Repsol na convocatoria deste certame. Na quinta edición do premio, o xurado estivo integrado por Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey, que definiron a obra gañadora como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos” e destacaron “o uso da contundencia do breve, utilizando a retranca, o absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”.
O gañador
O gañador da quinta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, Fernando Díaz-Castroverde Gómez, naceu en Lugo en 1967. É escritor e exerce como profesor de lingua e literatura galegas no IES María Casares de Oleiros. O seu traballo literario valeulle, entre outros, os premios de poesía Concello de Carral, Concello de Culleredo, e Meigas e Trasgos. Publicou o libro de poesía Camiño de píntegas (Espiral Maior, 1998) e participa en distintas publicacións literarias, como A Trabe de Ouro e Cadernos de Pedagoxía, ademais de antoloxías colectivas.