Dúas reedicións facsimilares da histórica revista Lar recuperan a obra en galego de Wenceslao Fernández Flórez

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora nas novas edicións dos relatos “A miña muller” e “O ilustre Cardona”, que se presentaron esta tarde en Cambre

O responsable do departamento da Xunta, o presidente da RAG, o alcalde de Cambre e o director da Fundación Wenceslao Fernández Flórez recordaron a traxectoria do escritor e a súa contribución á lingua e á cultura galegas

Sáb, 26/11/2011 - 20:00
Portada da histórica Lar
Portada da histórica Lar

Dúas reedicións facsimilares da histórica revista Lar, publicada entre 1924 e 1926, recuperan a obra en galego do escritor Wenceslao Fernández Flórez. Trátase das novelas curtas A miña muller e O ilustre Cardona, que a Fundación Wenceslao Fernández Flórez publicou recentemente coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que a obra en galego do escritor teña a máxima difusión entre os lectores.

O responsable do departamento da Xunta, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridad; e o director da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, Antonio Montero, recordaron a traxectoria do escritor e súa vinculación coa lingua e a cultura galegas. Fixérono esta tarde durante o acto de presentación das dúas obras, que tivo lugar na sede da fundación, no municipio corunés de Cambre.

Intelectual comprometido con Galicia

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo destacou “o papel de Wenceslao como intelectual comprometido con Galicia” e asegurou que co seu labor contribuíu á dignificación da nosa lingua e da nosa literatura, nun período, o dos anos 20 do século pasado, onde se estaban a desenvolver iniciativas de amplo calado cualitativo, como as irmandades da fala e o grupo Nós”. Ademais, incidiu no enfoque e na temática en clave galega que presiden, en gran medida, a súa obra.

A respecto do seu vínculo coa lingua galega, o secretario xeral tamén recordou o papel exercido polo escritor, como membro da Real Academia Española, para conseguir que finalmente o dicionario da institución mudase a acepción da palabra galego, que pasou a recibir a consideración de lingua en vez de dialecto. Ademais, tamén conseguirá eliminar do dicionario varias acepcións pexorativas do termo galego.

O escritor

Wenceslao Fernández Flórez (A Coruña, 1885 – Madrid, 1964) foi un narrador, xornalista e humorista galego. Autor dunhas 40 novelas e libros de relatos de humor, a súa obra valeulle en 1926 o recoñecemento do Premio Nacional de Narrativa. A miña muller e O ilustre Cardona constitúen a obra en galego escritor. As dúas novelas curtas, xénero no que era un auténtico mestre, viron a luz na revista quincenal Lar.

A revista Lar

O primeiro relato publicado pola revista Lar foi A miña muller. A colección, publicada na Coruña entre 1924 e 1926 e dirixida por Leandro Carré Alvarellos, tiña como finalidade difundir a lingua galega a través da literatura, dando a coñecer os principais escritores do momento. Con ese obxectivo procurábase dar a coñecer e dignificar, ao mesmo tempo, a literatura en lingua galega, nun contexto en que a utilización escrita do idioma era moi baixa e en que non había tradición de ler en galego.

Menús News node R

Departamento