A extensión do uso do galego no ámbito xurídico centra a quinta edición da xornada Xustiza e Lingua

A Xunta de Galicia colabora co Colexio de Avogados de Santiago de Compostela na organización desta iniciativa, que foi inaugurada esta tarde polo decano da entidade, polo responsable de Política Lingüística e polo director xeral de Xustiza

Anxo Lorenzo anunciou na xornada a próxima presentación do primeiro Dicionario Xurídico Galego, unha obra que “favorecerá a utilización do idioma na actividade profesional do ámbito da xustiza”

Lun, 28/11/2011 - 19:41
Quinta edición da xornada Xustiza e Lingua
O responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o decano do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira, e o o director xeral de Xustiza, Juan José Martín

A extensión do uso do galego no ámbito xurídico centra a quinta edición da xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, unha iniciativa que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que foi inaugurada esta tarde no Colexio de Avogados de Santiago de Compostela.

O acto de apertura da xornada, que organiza o servizo de asesoramento lingüístico do colexio, estivo presidido polo responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e polo decano do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira.

Durante a inauguración, Anxo Lorenzo aproveitou o marco da xornada para anunciar a publicación do primeiro Dicionario Xurídico Galego, unha obra que coeditan a Xunta de Galicia e Edicións Xerais de Galicia e que “pretende favorecer o uso do galego por parte dos profesionais do ámbito da xustiza”. Sobre a obra, que foi elaborada pola Revista Xurídica Galega e que se presentará o 12 de decembro en Santiago, o secretario xeral asegurou que responde “á necesidade de dotarnos de recursos funcionais que faciliten o entendemento do significado dos textos xurídicos en clave galega e desde o galego”.

Contar co apoio dos profesionais

Anxo Lorenzo incidiu tamén na responsabilidade das administracións para favorecer a extensión social do galego, ao tempo que cualificou de vitais “as actitudes e as condutas dos profesionais para obtermos resultados efectivos”. “Desde a secretaría xeral –engadiu– temos unha clara convicción de que, para avanzar nesta tarefa, cómpre apoiar e ir desenvolvendo os recursos e ferramentas necesarios para facilitar ese obxectivo compartido, nun campo no que queda aínda moito por facer”.

Pola súa parte, Juan José Martín explicou que desde o seu departamento se están a seguir “liñas de acción específicas para avanzar na normalización do galego na Administración de xustiza en Galicia e que se está a traballar “para que a promoción e o uso do idioma reflictan o establecido na lexislación, dentro do respecto da igualdade de dereitos lingüísticos da cidadanía e da plena vixencia da cooficialidade lingüística.

Primeiros cursos en liña de linguaxe xurídica galega

Con este obxectivo, a Xunta promove actuacións novidosas que inciden na competencia lingüística das persoas que traballan na Administración de xustiza, como os primeiros cursos de linguaxe xurídica en liña, postos en marcha este ano, e que se suman á oferta de formación na modalidade presencial. O director xeral tamén destacou a recente publicación no web institucional da Consellería-Dirección Xeral de Xustiza dun repertorio documental de máis de 40 formularios que pode utilizar a cidadanía nas súas relacións co rexistro civil; así como a dispoñibilidade para a súa descarga directa de modelos normalizados de procedemento verbal e monitorio en lingua galega, nos que non é preceptiva a intervención de avogado e procurador.

Finalmente, Evaristo Nogueira referendou “o compromiso adquirido polo colexio de avogados a prol da defensa do noso idioma na xustiza” e agradeceu “a colaboración que a  Xunta de Galicia, a través de Política Lingüística e, en especial, do seu actual responsable, leva prestado á entidade durante os últimos anos”.

A colaboración da Xunta co Colexio de Avogados de Santiago

Co fin de impulsar e mellorar o uso do galego entre os profesionais colexiados e no funcionamento da propia entidade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora actualmente co Colexio de Avogados de Santiago a través dun convenio. O programa deste marco de colaboración, que inclúe a organización da xornada Xustiza e Lingua, desenvólvese a través do servizo lingüístico do Colexio de Avogados, encargado de  facilitarlles o asesoramento lingüístico e terminolóxico aos profesionais colexiados e ao persoal do Colexio, ademais de asumir labores de tradución, corrección, revisión e elaboración de documentación.

A través co convenio, o colexio tamén actualiza no seu web recursos para os profesionais sobre o marco legal vixente en materia lingüística e publica a revista colexial Avogacía Compostelá, que inclúe artigos de divulgación sobre a normalización do galego con outros textos de carácter formativo en relación coa linguaxe xurídica.

O programa da xornada

Promover a reflexión acerca do proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza e ofrecer experiencias positivas e novas perspectivas que favorezan o uso do galego no exercicio xurídico son os principais obxectivos da V xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”. Para incidir nestes fins, a xornada inclúe os relatorios da maxistrada Paz Filgueira, sobre o poder público, sociedade e lingua; da profesora de Dereito administrativo Alba Nogueira, que abordará a cuestión do exercicio da avogacía e dos dereitos lingüísticos da cidadanía; e do xefe do Servizo de Tradución da Xunta, Xermán García Cancela, que falará sobre leis e xustiza en galego.

Menús News node R

Departamento