O conselleiro de Educación comproba o estado das instalacións de diversos centros educativos na provincia de Pontevedra

Xesús Vázquez Abad visita o CEIP Seis do Nadal, en Vigo; o CPI da Cañiza e o CEIP Antonio Blanco Rodríguez, en Covelo

O tres centros contan desde este ano con unha aula dixital, cada un deles, composta por un ordenador portátil, encerado dixital interactivo e proxector

Lun, 28/11/2011 - 14:00
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, na visita ao CEIP Seis do
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, na visita ao CEIP Seis do Nadal, en Vigo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estivo a percorrer ao longo da maña diversos centros educativos na provincia de Pontevedra. Xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, comprobou o estado de cada un deles ao tempo que mantivo encontros cos responsables de cada un dos colexios nos que se lle deu conta do estado de ditos centros.

Así a primeira hora da mañá o conselleiro desprazouse ata Vigo e acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, visitou o CEIP Seis do Nadal, xunto á directora do mesmo Ángeles Rivela Machado, e parte do equipo directivo percorreu as instalacións as que asisten preto de cincocentas alumnas e alumnos.

Equipos dixitais

Durante o encontro cos medios o conselleiro dixo que “neste centro se instalou a comezo de mes un kit dixital para presente curso”. Ao que engadiu que “grazas a un acordo acadado entre a Consellería de Educación, Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria desde este curso o CEIP Seis do Nadal conta cun aula dixital composta por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e proxector. Ademais non podemos esquecer que desde este ano o CEIP conta cunha conexión de cable de cen megas. A unión da mellor conexión e do kit permite aos estudantes dar un novo paso no achegamento ás TICs”.  

Asemade no encontro cos xornalistas o conselleiro engadiu que “máis tarde visitaremos o CPI da Cañiza e o CEIP Antonio Blanco Rodríguez, en Covelo, que tamén recibiron un destes kits dixitais cada un deles” e sinalou que “os tres centros que hoxe visitamos están entre os máis de seiscentos colexios galegos que están a recibir estes kits”. Cómpre sinalar que estes equipos foron distribuídos en centros de toda a comunidade, priorizando os de infantil e primaria que nestes momentos conten cun menor equipamento dixital ou para aqueles que asinen contratos programa.

En beneficio dos estudantes

Durante a visita ao CEIP Seis do Nadal o conselleiro visitou a biblioteca que está incluída dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas. Ademais, comprobou o resultado das obras realizadas pola Consellería durante os últimos meses para a adaptación no centro, instalando unha plataforma sube- escaleiras, e ampliando o acceso para minusválidos, eliminando deste xeito barreiras arquitectónicas e facilitando o acceso ao colexio.

Ademais o conselleiro salientou o labor que este colexio vén desenvolvendo no eido da educación especial, no que é referencia desde hai anos.

A Cañiza

Posteriormente Vázquez Abad, que durante toda a xornada estivo acompañado polo xefe territorial en Pontevedra, César Pérez Ares desprazouse á Cañiza, onde visitou o CPI do concello. Alí e xunto ao director do centro comprobou o estado do mesmo, no que estudan preto de seiscentas nenas e nenos de infantil, primaria e secundaria e que conta cunha auxiliar de conversa en francés que presta o seu apoio ao funcionamento das seccións bilingües no centro e coa nomeada aula cun kit dixital. Asemade o CPI tamén está incluído no PLAMBE, e a súa biblioteca xa leva recibidos máis de 30.000 euros para o desenvolvemento e fomento de dito espazo, no que ademais se desenvolven os clubs de lectura.

Ademais percorreron as instalacións nas que a Consellería realizou diversas obras de mellora, relativas a adaptación dos sistemas eléctricos do comedor e cociña, así como a ampliación do comedor, que supuxeron un investimento desta administración e de máis de setenta mil euros.

Visita a Covelo

Ao remate da xornada, o conselleiro e o xefe territorial así como o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Pérez Touris, desprazáronse ata o concello de Covelo, onde visitaron o CEIP Antonio Blanco Rodríguez, xunto ao director do mesmo, Juan Carlos Barbosa, e o equipo directivo. Todos eles estiveron a falar sobre a situación do centro, ao tempo que o conselleiro sinalou que no presente curso o colexio contará co kit dixital citado anteriormente, e co que se da un paso máis no acceso as TIC para os estudantes do centro, que neste curso suman 141.

Durante a visita ao centro Vázquez deu conta do resultado da primeira fase das obras de reposición da carpintaría exterior que tivo investimento superior aos corenta mil euros, o que permite un mellor illamento das aulas.

Durante ambas visitas Vázquez Abad estivo a recordar aos directores e equipos directivos que ao realizar estes percorridos continúase a comprobar de primeira man a situacións dos centros educativos e as súas necesidades. Así recordoulles que a Consellería continúa a traballar a prol da calidade educativa, unha calidade que, tal e como destacou, é posible grazas á profesionalidade do conxunto dos docentes do ensino público galego, sen os cales non sería posible formar dun xeito adecuado as vindeiras xeracións.