O conselleiro de Educación participa na clausura da xornada “Achégate á Quimica”, no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares de Santiago

Xesús Vázquez Abad participou no último día do evento organizado polo CIQUS con motivo da celebración do Ano Internacional da Química 2011

No encontro, que comezou o mércores 23 de novembro, estiveron implicados preto de 600 estudantes de centros educativos de Santiago e concellos limítrofes

Ven, 25/11/2011 - 13:46
Xesús Vázquez Abad participou no último día do evento organizado polo CIQUS con
Xesús Vázquez Abad participou no último día do evento organizado polo CIQUS con motivo da celebración do Ano Internacional da Química 2011

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na clausura das xornadas “Achégate á Química”, que organiza o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) de Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou que “a química está na nosa vida, na de todos. E e necesaria para a existencia da materia e das relacións humanas, necesaria para o progreso da humanidade. De aí a importancia desta iniciativa do CIQUS, en colaboración coa Facultade de Química para achegar tanto aos estudantes como ao público en xeral unha visión actual e atractiva da química e da importancia desta ciencia no desenvolvemento científico e tecnolóxico global".

Sobre as xornadas sinalou que se tratou dunha ocasión única para “ver desvelado parte do misterio máxico da química a través de experimentos e demostracións, entrando nun laboratorio de investigación e observando o funcionamento de sofisticados instrumentos científicos para coñecer algunhas das liñas de investigación do centro”.

Aproveitando a presenza no Campus Vida, Vázquez Abad recordou que “quero deixar patente o magnífico nivel de distintos centros da USC no ámbito da investigación química, o que se fai patente no CIQUS, o primeiro dos Centros Singulares de Investigación do Campus de Excelencia Internacional CAMPUS VIDA, que entrou en funcionamento hai agora case un ano”.

O acto

No acto estiveron presentes o vicerreitor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco González García, o decano da Facultade de Química, Ramón Estevez Cabanas; a directora do CIQUS, Dolores Pérez Meirás, e o reitor da USC, Juan Casares Long, responsable de pechar o acto.

Posteriormente todos eles realizaron o mesmo percorrido que durante estes días realizaron decenas de estudantes galegos acompañados polos seus profesores e que lles permitiron un achegamento á química. Durante o acto de clausura e a visita posterior estiveron presentes as alumnas e alumnos do IES A Pontepedriña, así como os seus mestres.

Encontro en torno á química

O evento, organizado con motivo da celebración do ano internacional da Química 2011, contou coa presenza de preto de seiscentos estudantes de quince centros educativos de Santiago e concellos limítrofes, divididos en grupos de trinta alumnas e alumnos. Todos eles participaron no encontro que se vén celebrando desde o mércores 23 e que tivo como obxectivo achegar aos máis novos unha visión actual e atractiva da investigación en Química.

Ademais este encontro pretendeu transmitir á sociedade unha visión da actividade que se desenvolve na Universidade de Santiago no ámbito da química. Así como a contribución desta ciencia no contexto do desenvolvemento do Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida, así como de transmitir a importancia desta ciencia no desenvolvemento científico e tecnolóxico global.

As actividades

Todos os grupos de estudantes percorreron o CIQUS en visitas nas que se lles presentou o Centro e o Campus Vida a través dun pequeno relatorio e apoiados por uns vídeos nos que se reflicte o impacto da química. Posteriormente o alumnado, equipado con gafas e batas, visitaron os laboratorios de química do CIQUS nos que se lles falou das investigacións que se levan a cabo no centro, a instrumentación científica precisa para elo, e visitaron a mostra “A maxia da química” exposta na entrada do centro na que se poñen en coñecemento experimentos curiosos e espectaculares.

Coa súa presenza nestas xornadas o conselleiro de Educación volveu a dar conta do apoio que se lle presta a iniciativas que permiten achegar ao alumnado galego todas aquelas actividades que se desenvolven nos máis diversos ámbitos, neste caso o da investigación e en concreto na química.