A Xunta achega 7M€ á Universidade de Santiago para reforzar a dixitalización e a innovación tecnolóxica

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o reitor da USC asinan dous convenios para completar os procesos de adaptación dixital e para accións estratéxicas de I+D+i

Román Rodríguez destaca o apoio do Goberno galego á universidade na súa transformación “para atender as necesidades de formación académica do século XXI, o que redundará nun mellor servizo aos estudantes e na calidade da docencia”

Lun, 13/12/2021 - 12:18

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e mailo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, veñen de asinar dous convenios de colaboración a través dos cales a Xunta de Galicia inxecta na USC un total de 7,22M€ para reforzar os seus procesos de dixitalización e innovación tecnolóxica.

Segundo explicou Román Rodríguez, o obxectivo de ambos acordos é “apoiar á Universidade na súa transformación e adaptación de cara as esixencias da formación académica do século XXI, o que redundará de xeito directo nun mellor servizo ao estudantado e na calidade da formación universitaria”.

Un dos acordos, dotado con 4,04M€, está enfocado á posta en marcha de medidas específicas en materia de dixitalización, innovación e renovación tecnolóxica e de infraestruturas para continuar coa adaptación ao novo escenario xurdido a raíz da pandemia.

Consolidar cambios

Trátase de avanzar na transformación dixital “de xeito que se consoliden e melloren os cambios realizados ata o momento e que se viron acelerados pola situación de pandemia”, abondou o conselleiro

O outro acordo, de 3,18M€, abrangue o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i, co fin de mellorar as infraestruturas universitarias vinculadas á investigación e á produción científica.
Ao abeiro do mesmo, a USC poderá actualizar infraestruturas como os laboratorios de neurociencias e robótica ou a plataforma L2A2, entre outros. Así mesmo, inclúese o apoio ao talento mediante o programa Beatriz Galindo ou a financiación das bolsas de iniciación á investigación ou das convocatorias específicas de carácter internacional. A acción abrangue tamén a redefinición das estruturas de investigación coa creación de novos centros, o apoio e reforzo das estruturas existentes e accións tranversais que van desde axudas á investigación a actividades de dinamización da actividade investigadora.

As liñas recollidas no convenio complétanse con accións de mellora en cinco graos do Campus de Lugo e obras no Instituto Galego de Física de Altas Enerxía (IGFAE), no laboratorio de Radiofísica e en diferentes espazos de investigación, entre outros.