A Xunta aposta por reforzar a competencia en galego dos funcionarios do estado que traballan en Galicia

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio co Instituto Nacional de Administración Pública para avanzar na consecución deste obxectivo

Ao abeiro deste marco de colaboración, máis de 200 traballadores melloran o seu coñecemento de galego a través de 8 cursos que están en marcha actualmente

Sáb, 19/11/2011 - 12:20

A mellora da competencia en galego do persoal da Administración Xeral do Estado que presta os seus servizos en Galicia é un obxectivo que comparten a Xunta e o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP). Para avanzar na consecución deste fin, ambas as entidades asinaron para este ano 2011 un convenio de colaboración que contempla a realización de 8 accións formativas dirixidas aos funcionarios do Estado que traballan no ámbito territorial da comunidade galega e que implica a impartición mínima de 600 horas lectivas de galego.

Grazas a este marco de colaboración, máis de 200 empregadas e empregados públicos melloran a súa formación e a súa competencia lingüística en galego a través destes 8 cursos, que xa están en marcha.

Ao abeiro deste convenio, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comprométese a organizar os cursos aportando recursos humanos, materiais e técnicos necesarios para a súa impartición, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Pola súa banda, o INAP colabora neste plan de formación no deseño das accións, na súa programación e divulgación, así como na selección das persoas que participan en cada unha das actividades de formación.

O dominio da lingua galega é unha esixencia para o persoal da Administración Xeral do Estado que desempeña as súas funcións en Galicia. Para reforzar a súa capacitación no idioma, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve anualmente plans de formación dirixidos ás empregadas e aos empregados públicos da administración estatal, así como tamén das administracións autonómica e local.

84 cursos de galego para o persoal das administracións públicas

O Plan de Formación 2011 da secretaría xeral inclúe un total de 86 cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas para estes empregados, 62 presenciais e 24 na modalidade de teleformación, que foi posta en marcha pola Xunta de Galicia este ano. Para levar a cabo esta oferta de formación, a secretaría xeral conta coa colaboración, ademais do INAP, do Escola Galega de Admisnitración Pública, da Dirección Xeral de Xustiza e das escolas oficiais de idiomas.

Pola súa banda, ao abeiro do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas, a Comisión Xeral para a Formación Continua aprobou o 17 de marzo de 2011 o Plan de Formación Interadministrativo de Idiomas da Administración Xeral do Estado.

Neste plan enmárcase a colaboración establecida entre a Consellería de Educación e o INAP para a capacitación lingüística en galego dos empregados públicos. Este plan contén as accións formativas para fomentar o coñecemento das linguas cooficiais nos funcionarios da Administración Xeral do Estado destinados en dependencias situadas no territorio das comunidades autónomas que teñen cooficialidade lingüística.

Menús News node R