A Consellería de Educación organiza a Xornada de Educación para a Seguridade Viaria que se celebra hoxe en Santiago

O encontro, no que participan preto de 300 profesores, foi inaugurado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Un representante da Consellería presentou Web Eucirculo que ten como obxectivo converterse nun referente de Educación viaria para a comunidade educativa galega

Sáb, 19/11/2011 - 19:00

Vídeo coas declaracións do director xeral de Educación, FP e Innovación, José Luis Mira Lema (corte 1)

Vídeo coas declaracións do director xeral de Educación, FP e Innovación, José Luis Mira Lema (corte 2)

O secretario xeral de Educación, José Luis Mira Lema, na inauguración da xornada
O director xeral de Educación, FP e Innovación, José Luis Mira Lema, na inauguración da xornada sobre educación viaria en Galicia

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de inaugurar a Xornada de Educación para a Seguridade Viaria que se celebra hoxe no CIFP Politécnico de Santiago.

O encontro, no que participan 300 profesores de educación infantil, primaria e secundaria, foi inaugurado polo director xeral de Educación, José Luis Mira, que sinalou que “hoxe nos reunimos para aprender e debater sobre educación viaria, para coñecer novos métodos didácticos cos que transmitir comportamentos e valores e cos que sensibilizar ao noso alumnado”, ao que engadiu que “todos es que están aquí amosan a súa concienciación e implicación. É necesario tamén sensibilizar ás nais e pais neste obxectivo, para transmitirlles aos máis novos un espírito cívico que lles permita facer un uso responsable da vía pública e dos medios de transporte”.

Así o director xeral resaltou que “queda moi lonxe a idea de que a formación e información viaria se reducía ao paso pola autoescola. Somos todos ben conscientes da necesidade de formar e sensibilizar con actividades específicas de concienciación do risco no tráfico para acadar condutas e comportamentos axeitados”, e rematou dicindo que “esta xornada permitiranos coñecer diferentes iniciativas e actividades que se están a levar a cabo na educación viaria e tamén presentar unha web na que se está a traballar desde a Consellería de Educación, Eucirculo, que pretende ser o portal de referencia neste ámbito para toda a comunidade educativa galega”.

Seminario temático

Tras a intervención do director xeral continuouse cun relatorio a cargo do director do Centro Superior de Educación Vial, de Salamanca, Eugenio Ocio Simó que falou da evolución e tratamento que ten a educación viaria no sistema educativo. Tras esta intervención celebrouse unha mesa de debate en torno á educación para a responsabilidade viaria, na que participaron Julio Laria del Vaz, director do Instituto de Seguridad Vial da Fundación Mapfre, Lucía Serantes, delegada en Galicia e Asturias da Fundación RACC, Jeanne Picard, delegada en Galicia e Asturias de Stop Accidentes e Angélica Ferro Cid, vicepresidenta da delegación galega da asociación P(A)T-AP(A)T.

Xa pola tarde a xornada continuou coa intervención de Susana Castro e Vanessa Requeijo, ambas mestras da Escola de Educación Infantil Vagalume, en Vilagarcia, que contaron as súas experiencias en torno ás ensinanzas viarias nos centros educativos. Do mesmo xeito que fixeron Manuel Canosa e Marcelino Álvarez, docentes no IES Fernando Blanco, de Cee, e no CEIP A Solaina, de Narón, respectivamente.

A continuación o xefe provincial de Tráfico da Coruña e Delegado da DGT en Galicia, Pedro Pastor del Castillo, reflexionou sobre os “Retos da Educación Viaria en Galicia”.

O proxecto da Consellería

O encontro rematou co relatorio de Alberto Sacido Romero, da Asesoría de Innovación Educativa, no que presentou a web Eucirculo. Tratase dunha iniciativa da Consellería que ten como obxectivo ofertar á comunidade educativa galega toda a información e recursos relativos a este tema e pretende converterse no referente central da Educación Viaria para os centros, as familias, o profesorado e o alumnado.

Coa participación nesta xornada a Consellería volve a dar conta da súa implicación para con todo aquilo que afecte á Educación, tendo especial importancia o traballo desenvolvido desde os propios centros para as ensinanzas dos estudantes galegos.