Os centros de estudos galegos difunden a literatura e o cinema de Galicia desde as universidades vascas e catalás

O País Vasco acolle estes días a I Mostra Cinematográfica galega, que conta coa participación do director de cine Jorge Coira e do actor Xosé Barato

Na Universidade de Barcelona, un seminario someterá a novas lecturas a obra narrativa e a conciencia de escrita de Rosalía de Castro

Xov, 17/11/2011 - 12:06
O País Vasco acolle estes días a I Mostra Cinematográfica galega, que conta coa
O País Vasco acolle estes días a I Mostra Cinematográfica galega, que conta coa participación do director de cine Jorge Coira e do actor Xosé Barato

Os lectorados e centros de estudos galegos cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística en universidades de todo o mundo realizan numerosas actividades durante o curso académico para dar a coñecer fóra de Galicia a lingua, a literatura e a cultura galegas. Con este obxectivo, o cine galego chega ao País Vasco estes días a través da I Mostra Cinematográfica galega, unha iniciativa promovida polos centros de estudos galegos das universidades do País Vasco e de Deusto, en colaboración co Centro Galego de Vitoria, a Casa de Galicia de Guipuskoa, a Fundación Caja Vital e Kutxa Social.

Baixo o título Galicia, un escenario de cinema, a mostra está a dar a coñecer desde o pasado 4 de novembro esta arte galega, especialmente o cinema de actualidade. Para isto, inclúe filmes como 18 comidas, do director Jorge Coira; Mar libre, de Daniel de la Torre; e Reliquias, de Toño López. Estas películas, que poden verse de forma gratuíta nas cidades de Vitoria, Bilbao e San Sebastián, contan coa participación dalgúns dos actores máis representativos do panorama cinematográfico galego, como Luís Tosar, Xosé Barato, María Bouzas, María Vázquez, Xosé Manuel Olveira Pico, Pepo Suevos, Carlos Villas, Xulio Abonjo, Mela Casal ou Miguel de Lira.

A I Mostra Cinematográfica galega no País Vasco conta coa participación do director de cine Jorge Coira e do actor Xosé Barato, que contribuirán coas súas intervencións a dar unha visión global da situación da sétima arte en Galicia. Os dous participan na clausura da mostra, que se levou a cabo onte en Bilbao e que terá lugar esta tarde na Facultade de Letras de Vitoria, mañá no Centro Galego desta cidade e o sábado en San Sebastián, na Sala de Arrasate.

Rosalía de Castro, protagonista en Barcelona

Ademais do cine, a literatura tamén está presente nas actividades que promoven os centros de estudos desde universidades de fóra de Galicia para difundir a lingua e a cultura galegas. Mañá, a Universidade de Barcelona (UB) acollerá o seminario Rosalía de Castro. Unha musa fecunda, na que a obra narrativa e a conciencia de escrita da autora se someterán a novas lecturas desde o xénero.

A xornada, coorganizada polo departamento de Estudis Gallecs i Portuguesos da UB, polo  Centre Dona i Literatura e polo departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago, pecharase coa intervención da especialista nos estudos rosalianos Catherine Davies, que ofrecerá a conferencia "Rosalía de Castro no contexto do XIX en España e Hispanoamérica".

O papel dos centros de estudos galegos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística posibilita actualmente que o galego sexa obxecto de estudo en universidades de 16 países de América e de Europa, entre eles España, onde existen centros de estudos galegos en Alacante, Barcelona, Bilbao, Vitoria, Estremadura, Granada, Madrid, e Salamanca.

A maioría destes centros contan cun profesor lector de galego, que se encarga de impartir as materias de lingua, literatura e cultura galegas que se inclúen nos programas académicos das universidades. Ademais do traballo desenvolvido nas aulas, os lectores e as lectoras de galego levan a cabo un importante labor de promoción e de difusión do galego, tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia, a través da organización de congresos, xornadas, mostras, conferencias, cursos, exposicións, mesas redondas etc.

A actividade realizada nas últimas décadas desde os centros de estudos galegos leva contribuído de maneira fundamental á difusión exterior e ao recoñecemento internacional da lingua, da literatura e da cultura galegas.