A Xunta colabora co Colexio de Logopedas de Galicia na mellora da atención educativa ao alumnado que o precise

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade, Ana Isabel Vázquez, asinan un convenio para o desenvolvemento de accións específicas de apoio aos centros educativos

Dom, 26/09/2021 - 14:07
l

A Xunta e o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA) acordan establecer unha canle de colaboración para a mellora da atención educativa ao alumnado con trastornos da comunicación ou deglución.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade, Ana Isabel Vázquez, veñen de asinar un convenio para a posta en marcha de actividades específicas nos centros escolares dirixidas a este fin. Este acordo -o primeiro que se asina co Colexio de Logopedas- enmárcase dentro da colaboración que a Xunta de Galicia mantén con entidades especializadas en atención á diversidade en distintos ámbitos, ao tempo que entronca cos obxectivos da futura Estratexia de Inclusión.

Ao abeiro do mesmo, a Consellería comprométese a promover a participación do Colexio de Logopedas nas accións relativas á formación do profesorado. Así mesmo, ambas as entidades traballarán en conxunto na sensibilización e difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado trastorno de comunicación ou deglución.

Liderado en inclusión

Ademais, o persoal do Colexio Profesional poderá prestar o seu apoio nos centros de ensino –se estes así o demandan–, en cuestións como o asesoramento na atención educativa ao alumnado con esta problemática, a orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa nestes escolares ou a información e formación naqueles aspectos que os persoal dos centros docentes requira.

Cómpre lembrar que Galicia leva anos traballando de maneira intensa na atención á diversidade e, de feito, a día de hoxe é a comunidade autónoma máis inclusiva do Estado, con máis do 93% do alumnado con necesidades especiais matriculado en centros ordinarios e con 4.000 profesionais especializados neste eido, un 22% máis que hai seis anos.