A Xunta pon en valor o esforzo compartido coas universidades para acadar un plan de financiamento consensuado e estable ao longo dos anos

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, salientou no Parlamento que Galicia é a única comunidade do Estado xunto co País Vasco que conta cunha planificación orzamentaria blindada desde hai anos

Asegurou que a nova folla de ruta para o período 2022-26 está dirixido a consolidar a estabilidade financeira, á modernización e a incrementar a competividade nacional e internacional

Pola súa banda, o secretario xeral de Educación, José Luis Mira, salienta a calidade e a equidade do sistema educativo galego, cos alumnos do rural en pé de igualdade coas zonas urbanas

Mér, 22/09/2021 - 14:23

O Goberno galego pon en valor o esforzo compartido e a corresponsabilidade entre a Xunta e as tres universidades galegas para acadar un plan de financiamento consensuado e estable ao longo dos anos, e que sitúa a Galicia como a única comunidade do Estado xunto co País Vasco que conta cunha planificación orzamentaria blindada desde hai anos.

Así o sinalou hoxe ante a Comisión 4º do Parlamento de Galicia o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, que explicou que nestes momentos se está a traballar no novo Plan de Financiamento Universitario 2022-26 enfocado a “consolidar a estabilidade financeira das tres universidades, para impulsar a súa modernización adaptándose aos novos tempos e para aumentar a súa competitividade tanto no panorama nacional coma no internacional”.

Así pois, a folla de ruta para este quinquenio -cunha mobilización de 3.000M€- aborda a mellora integral do sistema con accións específicas para os eidos da docencia, da investigación e da transferencia. Entre as novidades amplíanse e complétanse os paneis de calidade con 36 indicadores básicos e obxectivos de cuxa evolución dependerá unha parte do financiamento recibido por cada unha das tres universidades. Ademais, tal e como avanzou o secretario xeral de Universidades, por primeira vez, haberá “un cadro de mando” a través do cal se renda contas á sociedade da actividade da súa universidade posteo que “as cantidades que se achegan son moi importantes”.

José Alberto Díez de Castro destacou o factor de “estabilidade” que o plan de financiamento lle vén outorgando ás universidades públicas galegas nos últimos anos, unha blindaxe que, en palabras do secretario xeral de Universidades, “fixo que sufriran menos ante a crise, e que recuperaran con maior rapidez os importes que recibían antes da crise”.

Segundo reflicte o Observatorio do Sistema Universitario, Galicia ocupa a terceira posición entre as comunidades que dedican máis porción da súa riqueza ao financiamento das universidades públicas, cun 0,71% do PIB, moi por enriba do 0,58% da media española; e sitúanse entre as 12 primeira do Sistema Universitario Español canto a transferencias por alumno.

O ensino no rural, modelo de éxito

Ante a Comisión 4ª do Parlamento tamén interveu o secretario xeral de Educación, José Luis Mira, para dar conta da situación do ensino no rural, que cualificou como “un modelo de éxito” avalado pola implicación dos colexios e institutos nos programas impulsados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e tamén en programas europeos.

José Luis Mira explicou que o Goberno galego organiza a actividade educativa de acordo a criterios pedagóxicos, xeográficos e demográficos, e precisamente no caso do eido rural a evolución demográfica esixe dunha “reorganización” e de “responsabilidade” na toma de decisións enfocadas a garantir a igualdade de oportunidades.

Neste senso, o secretario xeral de Educación asegurou que desde a Xunta estase “fornecendo a oferta pública especialmente no rural”, co 99,3% dos alumnos que estudan no seu concello e cunha enorme inversión en recursos humanos e en servizos complementarios de transporte e de comedor. Lembrou que, froito deste esforzo, hoxe Galicia lidera os ránkings en canto a equidade do sistema.