A Xunta licita a redacción do proxecto para o novo colexio do Milladoiro, o primeiro integramente construído co Plan de nova arquitectura pedagóxica
Suporá un investimento total de máis de 4M€ por parte do Goberno galego
O orzamento para o proxecto é de 136.000€ e o programa de necesidades contempla un centro con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria e con capacidade para 450 alumnos
A Xunta de Galicia vén de licitar a redacción do proxecto básico e de execución para un novo colexio no Milladoiro, en Ames, un centro que suporá un investimento de máis de 4M€ por parte do Goberno galego. Este será, ademais, o primeiro dos centros construído integramente baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para deseñar un novo modelo de colexios e institutos postpandemia.
O orzamento para o proxecto é de 136.000€ e o programa de necesidades contempla un centro con capacidade para 450 alumnos. Para acollelos contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro para desdobres, aula de música, sala de usos múltiples, biblioteca e ximnasio (con vestiarios adaptados). Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a ANPA, etc) comedor e zonas de servizos comúns.
Entre as novidades ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o novo colexio do Milladoiro terá un espazo central ou foro, multifuncional complementario do resto, para a formación dunha paisaxe de aprendizaxe aberto. Ademais, atendendo á Estratexia de Educación Dixital 2030, o centro contará con local para a formación TIC dos docentes e aulas multifuncionais para seren empregadas como espazos maker para traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipados cos materiais necesarios (domótica, material de creación e procesado audiovisual, impresión 3D, mecanizado, electromecánica...).
No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta. Así mesmo, para unha mellor integración na contorna, o centro terá zonas verdes e un horto.
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica supón un cambio de paradigma para o futuro educativo de Galicia, apostando por un modelo de edificios educativos que dean resposta ás necesidades do ensino nas vindeiras décadas, máis amplo e saudables, mellor integrados na natureza, dotados de espazos de socialización e, en definitiva, máis confortables para a comunidade educativa.