A Consellería de Educación oferta máis de 40.400 prazas nas Escolas Oficiais de Idiomas

Desta forma ponse a disposición dos cidadáns unha ampla oferta

O curso 2010/2011 cursaron nestes centros 28.540 alumnos, 5.309 máis que no 2008/2009

O departamento dirixido por Vázquez Abad dotou a estes centros por primeira vez dun Regulamento Orgánico que regula o seu funcionamento

Ademais acabouse coas colas grazas á matriculación online

Mér, 09/11/2011 - 20:35

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria oferta este curso máis de 40.400 prazas nas Escolas Oficiais de Idiomas no que vai de lexislatura, grazas ás diferentes iniciativas postas en marcha para facer máis eficiente o emprego dos recursos deste centros de ensino. Isto supón poder ofrecer unha oferta ampla e variada para que a cidadanía galega poda mellorar as súas competencias en linguas nas EOIs. De feito, as diferentes actuacións postas en marcha para a mellora destas escolas están a ter unha gran acollida entre as galegas e galegos, tal e como reflicten os datos do curso 2010/2011, cando 28.540 alumnos cursaron ensinanzas nestes centros, 5.309 máis que no curso 2008/209.

Ademais, a redistribución da carga lectiva, que acaba de ser avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, permitiu ofertar cursos dirixidos a colectivos profesionais específicos, co fin de facilitarlles o desenvolvemento da súa actividade laboral.

ROC

Cómpre recordar ademais que as EOIs de Galicia contan por primeira vez a partir deste curso cuns criterios homoxéneos e regulamentados de funcionamento, ao abeiro da orde pola que se desenvolve o regulamento orgánico destes centros (ROC). Desta forma Galicia converteuse na primeira Comunidade Autónoma en dispor destes regulamentos específicos para Escolas Oficiais de Idiomas

Deste xeito, deuse un paso máis no compromiso que mantén a Consellería con estes centros de ensinanza de idiomas, que xa se manifestou ao dotalos, por primeira vez, dun regulamento específico para o seu funcionamento. Cómpre sinalar que os ROC establecen un marco de organización diferenciado dos centros docentes que imparten ensinanzas de réxime xeral, dando resposta a unha necesidade plantexada en numerosas ocasións polas comunidades educativas das escolas oficiais de idiomas.

Matrícula online

Ademais o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad ten facilitado o acceso a estas ensinanzas a través da posta en marcha, por primeira vez no curso 2010/2011, do proceso de matriculación online en todas as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia.

Con este sistema, o usuario, desde a súa casa e a  través dos portais web das EOIs, pode acceder a toda a oferta de grupos nas distintas quendas, elixir a opción que máis lle conveña e realizar a preinscrición como alumna ou alumno oficial. Esta matrícula por Internet suprime a imaxe das colas de matrícula, cun procedemento áxil, transparente e máis eficaz, simplificando os trámites de xestión, a través da internet.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten entre as súas prioridades e liñas de actuación principais o fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras, para o que está a desenvolver diferentes actuacións que permitan que as EOIs presten o mellor servizo ás galegas e galegos. Nesta mesma liña a Consellería conta co Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, para a mellora das competencias en linguas estranxeiras da cidadanía.