A cidade de Lugo concentra o maior investimento en obras educativas da Xunta en toda Galicia

O investimento do plan de obras deste verán superará os 5M€ para mellorar os colexios e institutos da provincia

A creación dunha gran área educativa no centro suporá a rehabilitación dos institutos Lucus Augusti e Nosa Sra. dos Ollos Grandes e a creación do IES Anexa

Están en marcha as obras no CIFP Politécnico e nos institutos Sanxillao e Muralla Romana

Ademais o vindeiro curso entrará en funcionamento o novo colexio Sagrado Corazón

Só entre este ano e o pasado na cidade da Muralla investíronse máis de 8M€, case 21M€ desde o ano 2009

Ven, 30/07/2021 - 13:43

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe que a cidade de Lugo é a área con maior investimento en materia de obras educativas en toda Galicia. Explicouno nunha visita ao CIFP Politécnico de Lugo, acompañado do delegado da Xunta na provincia de Lugo, Javier Arias, na que comprobou o avance das obras de ampliación do centro que, tal e como anunciou, estarán rematadas para o inicio do vindeiro curso.

Román Rodríguez explicou tamén que aproximadamente o 20% d o orzamento das novas obras en centros educativos que o Goberno galego vai realizar este verán en Galicia se van executar na provincia de Lugo, que concentra o 11% do alumnado en centros públicos de toda Galicia.. Neste sentido, indicou que se realizarán ata oito grandes actuacións e que, entre estas obras e outras de pequena e mediana envergadura, se investirán máis de 5M€ nos centros desta provincia.

No referido á actuación do CIFP Politécnico, cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros ten como obxectivo dotar o centro dun novo edificio para os ciclos de carpintería da familia de madeira e moble. O novo edificio ten unha concepción innovadora e sostible con estrutura e acabados en madeira de orixe local e cunha superficie útil de máis de 700m² alberga tres talleres, dous porches, vestíbulo, departamento de profesores e aseos, así como e local para instalacións. Neste momento a obra ten rematada a estrutura prefabricada de madeira e estanse dando os últimos retoques na cuberta. Tamén se está traballando xa en fachada, instalacións e acabados.

O CIFP Politécnico de Lugo vai formar parte da nova área educativa que a Xunta de Galicia está a crear no centro da cidade da Muralla, e que estará conformada por un colexio, o CEIP Anexa, un Centro Integrado de Formación Profesional, o CIFP Politécnico, e tres institutos, os IES Lucus Augusti, Nosa Sra. dos Ollos Grandes e o novo IES Anexa que se construirá no espazo ocupado na actualidade pola Facultade de Formación do Profesorado (obra prevista para 2023). Así mesmo, no corazón desta área haberá un gran espazo dedicado a instalacións deportivas para uso dos devanditos centros educativos.

Neste sentido, o titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que a Consellería vén de recibir as obras realizadas nos institutos Lucus Augusti e Nosa Sra. dos Ollos Grandes, por importe de case 275.000€. Os traballos consistiron no acondicionamento dos vestiarios e na renovación da soleira do pavillón compartido entre os dous centros.

Así mesmo, lembrou que a Xunta de Galicia ten xa encargados os proxectos para acometer a rehabilitación integral destes dous institutos, por un importe total de preto de 1,5M€.

Forte investimento na cidade

Román Rodríguez lembrou que a Xunta de Galicia leva investidos desde 2009 preto de 21M€ en melloras de centros educativos da cidade de Lugo, o que a convirte nunha das áreas educativas con maior investimento en obras.

Neste momento, ademais da do CIFP Politécnico, está en marcha a obra de ampliación dos talleres de Formación Profesional do IES Sanxillao, por importe de máis de 1,8M€, con previsión de remate no mes de decembro; e acaba de finalizarse a ampliación do IES Muralla Romana, cun orzamento de 0,5M€ e tamén co obxectivo de mellorar as instalacións dos ciclos formativos que se imparten neste instituto.

Ademais, o vindeiro curso entrará en funcionamento o novo edificio do CEIP Sagrado Corazón, cun investimento de máis de 4,2M€. Deste xeito, só no período 2020-2021 o orzamento de obras na cidade de Lugo ascende a máis de 8M€ en melloras de envergadura.

Próximas licitacións

O conselleiro explicou que, no medio prazo, a Xunta de Galicia ten previsto continuar renovando o parque de edificios dos centros educativos lucenses e creando outros novos para dar resposta ás necesidades de escolarización da cidade.

Neste sentido, ademais das rehabilitacións integrais do Lucus Augusti e o Nosa Sra. dos Ollos Grandes, na nova área educativa do centro está prevista a mellora das instalacións do CEIP Anexa e a creación do novo IES Anexa.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como explicou Román Rodríguez, todas estas actuacións realízanse ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta de Galicia para crear un novo modelo de centros educativos post pandemia e que conta cun orzamento de máis de 191M€ para o período 2021-2024. Con este plan, Galicia vai ser pioneira no impulso dun novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. En definitiva, unha arquitectura con valor engadido, que se pon ao servizo das necesidades da educación do século XXI desde un punto de vista académico (retos tecnolóxicos e de inclusión), dotacional e de sustentabilidade.
Entre os obxectivos deste plan están os de acadar centros educativos deseñados para os retos tecnolóxicos de futuro, coa incorporación da Intelixencia Artificial e polos creativos (Espazos Maker); espazos máis amplos e saudables no contexto da pandemia e despois dela e centros cunha maior función social e máis conectados coa contorna.

Así mesmo búscase unha maior sustentabilidade e eficiencia dos edificios, que deberán ser plenamente inclusivos e accesibles e estar ben integrados na paisaxe.