A Xunta abre o prazo para o curso de formación para desempeñar o posto de dirección dun centro educativo

A través deste módulo formativo obtense a acreditación específica para exercer esta función

Sáb, 03/07/2021 - 11:40

A Xunta de Galicia vai convocar o curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva nos centros escolares galegos. Trátase dun curso en liña de 150 horas de formación en rede que se desenvolverá durante os dous primeiros trimestres do curso académico.

A través desta actividade formativa −enmarcada dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado 2021-22− búscase proporcionar aos asistentes competencias xenéricas e específicas para levar a cabo a función directiva coa maior garantía de éxito posible, coas conseguintes repercusións na mellora da calidade educativa dos centros. Isto é, que adquiran as competencias necesarias para o desempeño das funcións propias do posto de dirección dos centros docentes públicos e sostidos con fondos públicos nos que se imparten ensinanzas reguladas pola Lei Orgánica 2/2006.

Este ano ofértanse un total de 200 prazas para todo o persoal funcionario dos centros docentes públicos que impartan as ensinanzas reguladas pola Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación (aínda que o persoal funcionario de carreira terá prioridade na selección). O curso está estruturado en oito módulos nos que se abordarán distintos bloques temáticos, que será preciso superar para obter a certificación.

Esta acreditación facilitará o acceso á dirección de centros educativos públicos non universitarios a aquelas persoas que non teñan acreditadas ditas competencias e non estean a desenvolver na actualidade un posto de dirección cunha traxectoria acadada de polo menos dous anos en dito posto.

Quen estea en posesión dun máster ou título de posgrao de carácter oficial sobre a dirección e xestión de centros docentes non computará a efectos das prazas ofertadas e quedará exento da realización e avaliación de todos os módulos troncais, agás o referido ao Proxecto de dirección, tendo que cursar tamén os dous módulos específicos da comunidade autónoma.

Desde que se puxo en marcha este curso formativo de desenvolvemento da función directiva levan participado nel un total de 670 persoas.