Un total de 102 investigadores predoutorais benefícianse das axudas da Xunta para levar a cabo a súa labor científica nas universidades galegas e organismos públicos de I+D+i

O Diario Oficial de Galicia publica a lista de seleccionados, que recibirán un importe de 24.000€/ano durante tres anos, ademais de ata 6.000€ para as estadías de tres meses no estranxeiro

O Goberno galego destina máis de 8,1M€ a este programa de apoio á formación inicial de científicos

As accións de impulso da carreira científica en Galicia -contratos predoutorais e posdoutorais- este ano están dotadas con 17,65M€ e suman un total de 175 contratos, a convocatoria de maior envergadura feita ata o de agora

Lun, 28/06/2021 - 14:18

A Xunta de Galicia financia a incorporación dun total de 102 investigadores predoutorais para levar a cabo o seu labor científico nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i, con contratos de tres anos que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro.
Diario Oficial de Galicia publica hoxe o listado dos investigadores seleccionados ao abeiro do programa de apoio predoutoral, de formación inicial de científicos, aos que o Goberno galego destina este ano algo máis de 8,1M€ (un 1,6% máis que na anterior convocatoria).

Do conxunto de científicos seleccionados, 90 deles van iniciar este mes de xullo o seu labor investigador nas universidades galegas, a razón de 13 na Universidade da Coruña, 52 na Universidade de Santiago de Compostela e 25 na Universidade de Vigo. Os 12 restantes incorpóranse a outros organismos públicos de investigación de Galicia, a razón de sete na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, tres no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, un no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e un na Fundación Biomédica Galicia Sur.

Todos eles recibirán unha contía de 24.000 euros anuais, aos que se engade un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Deste xeito, se o científico escolle Portugal ou Andorra recibirá 2.000 euros; se realiza a súa estancia en Europa (salvo os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) terá á súa disposición 4.000 euros; e se o destino é Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía, a achega será de 6.000 euros.

O obxectivo deste programa que se vén desenvolvemento desde o ano 2012 é a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral), partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do seu posto. En concreto, hoxe hai 311 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio da Xunta de Galicia.

Apoio á carreira investigadora

Esta convocatoria que agora se resolve forma parte das acción de apoio á carreira investigadora que desenvolve o Goberno galego a través de ordes conxuntas entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Este ano os programas de apoio predoutoral e posdoutoral este ano están dotados con 17,65M€ (un 5% máis con respecto á última convocatoria) e suma total de 175 contratos, o que supón a convocatoria de maior envergadura −tanto a nivel de orzamento como de prazas− realizada ata o de agora en Galicia para estes dous programas.