A Xunta convoca a segunda edición dos Premios Innovagal, que recoñecen o compromiso dos centros escolares coa innovación educativa

O obxectivo destes galardóns é poñer en valor o labor de docentes e colexios que desenvolvan enfoques didácticos ou organizativos para dar resposta ás necesidades do alumnado

Os proxectos servirán para difundir as boas prácticas entre o conxunto da comunidade educativa

Lun, 21/06/2021 - 19:17

A Xunta de Galicia vén de convocar, por segundo ano consecutivo, os premios educativos Innovagal, que foron creados para recoñecer o compromiso dos centros educativos e dos docentes coa innovación educativa, a través da implantación, nas súas aulas, de iniciativas didácticas ou organizativas para dar resposta ás necesidades do seu alumnado.
Estes galardóns supoñen, ademais, o recoñecemento e difusión de boas prácticas que serven para achegar novos referentes a toda a comunidade educativa.
A convocatoria establece dúas modalidades de participación, unha para centros e outra para docentes. Dentro destas modalidades establécense dúas categorías, unha para escolas de educación infantil, colexios rurais agrupados, centros de educación especial, colexios de educación infantil e primaria e colexios de educación primaria e outra para centros públicos integrados e institutos de educación secundaria, todos eles centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Na modalidade docente, o profesorado poderá presentarse por unha das catro submodalidades en función da temática na que se enmarcan as prácticas innovadoras que presente: deseño curricular e organización escolar, ámbito lingüístico e social, ámbito científico-tecnolóxico e matemático e escolas saudables e abertas á contorna. Estas prácticas non se reducirán a un proxecto puntual nun curso escolar, senón que serán unha escolma de prácticas que representen o compromiso do seu labor docente coa innovación educativa desenvolvido ao longo da súa traxectoria profesional.
Na candidatura da modalidade centro poden incluírse todo tipo de iniciativas innovadoras desenvolvidas nos últimos seis cursos escolares circunscritas a calquera das submodalidades.

Premios

Canto aos premios, na modalidade docente outorgaranse oito premios, un por cada categoría e submodalidade, dotados con 3.000 € cada un. Na modalidade centro outorgaranse tres premios por cada categoría cos seguintes importes: 10.000 € para o 1º premio, 6.000 € para o 2º premio e 3.000 € para o 3º premio.

Ademais da dotación económica do premio, na modalidade centro, os premiados nesta convocatoria recibirán o distintivo de Centro educativo Innovagal, que se exporá en lugar visible no centro e figurará na súa páxina web e na documentación impresa. Esta certificación terá unha vixencia de catro cursos escolares.

Na modalidade docente, o profesorado premiado recibirá unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado.

Calidade

A innovación desenvolvida nos centros constitúe parte dun proceso de cambio necesario para a adaptación do noso sistema educativo aos retos da sociedade actual e un medio que propicia a mellora na calidade educativa.

Neste sentido, as prácticas educativas innovadoras supoñen unha oportunidade para aplicar metodoloxías activas que sitúen ao alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e que fomenten o traballo en equipo. Involucran, ademais, varias disciplinas e promoven unha serie de melloras sostibles no tempo e aplicables noutros contextos educativos similares que buscan dar resposta ás necesidades do alumnado.

Solicitudes

Cada docente ou centro, segundo a modalidade, presentará unha única solicitude. Entre outra documentación, para participar na convocatoria os participantes deberán remitir unha memoria descritiva das iniciativas innovadoras desenvolvidas onde se inclúan os cambios adoptados no seu centro e/ou aula a nivel organizativo, pedagóxico e programático para o desenvolvemento desas iniciativas e o impacto da súa implementación.

As solicitudes e documentación dirixiranse á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes e documentación rematará o 5 de outubro de 2021.