A promoción social da lingua galega inicia hoxe unha nova etapa coa constitución da Rede de Dinamización Lingüística

Esta iniciativa inaugura un novo modelo de actuación no fomento do galego desde o ámbito local que se basea na planificación e na coordinación

A Xunta promove este proxecto pioneiro en Galicia co apoio das 93 entidades que desde hoxe xa están adheridas a el formalmente

“O 2011 será unha data de referencia na promoción do galego desde as administracións públicas”, afirmou o conselleiro de Educación no acto de constitución da Rede

Ven, 28/10/2011 - 13:50
Constitución da Rede de Dinamización Lingüística
Constitución da Rede de Dinamización Lingüística

A promoción social da lingua galega inicia hoxe unha nova etapa coa constitución da Rede de Dinamización Lingüística. Esta iniciativa, pioneira no fomento do galego desde as administracións públicas, quedou formalmente constituída nunha sesión que tivo lugar esta mañá na capital de Galicia. O acto celebrouse no Hostal dos Reis Católicos, escenario emblemático por ser testemuña noutrora de significativos avances na promoción do galego desde o ámbito local.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, promove esta iniciativa pioneira en Galicia, que inaugura un novo modelo de actuación en materia de dinamización lingüística baseado na coordinación e na planificación.

O inicio do acto de constitución estivo presidido polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez; polo secretario xeral técnico deste departamento, Jesús Oitavén; pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; polo responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e polo director xeral de Administración Local, Norberto Uzal. Tamén interviron no acto Xaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega, e Xesús Ferro, investigador e membro da Real Academia Galega, que contextualizaron a promoción do idioma no ámbito local desde unha perspectiva legal e histórica.  

Unha referencia para a promoción lingüística

Xesús Vázquez recordou na súa intervención dúas datas tan significativas para o galego como a de 1984, coa Declaración do Hostal, e a de 2004, na que se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega, e manifestouse convencido de que “o 2011 tamén vai supoñer unha referencia para a promoción do idioma desde as administracións públicas, pola renovación que a Rede implica no formato de xestión da actuación dinamizadora”.

“Non se trata dun paso adiante improvisado”, afirmou o conselleiro referíndose á creación da Rede. “Hai xa anos que os especialistas na tarefa da dinamización da lingua veñen apuntando a necesidade de iniciar un proceso de coordinación e aplicación dunha nova xestión das actuacións de promoción do idioma”, dixo. Para materializar este novo modelo de xestión, o conselleiro explicou que a actuación da Rede se basea “na promoción lingüística concibida desde a dinamización planificada, na que se acompañen medidas de formación, de servizo de asesoramento ás entidades sociais, de sensibilización da cidadanía e de actividades que permitan favorecer o seu uso”.

Un paso adiante no camiño

O conselleiro tamén precisou que a Rede “non é unha meta, senón un paso adiante no camiño”. “A lingua galega –declarou– necesita estes pasos e o apoio das diferentes perspectivas sociais e políticas”. Por iso, afirmou que todos os membros e as entidades que se vaian adherindo teñen moito que achegar a esta Rede, “tanto os que xa levan unha longa traxectoria de potenciación da lingua como os que se incorporan hoxe, porque temos aínda un futuro por construír que precisa a unión de novas vontades”, concluíu.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade tamén quixo recordar que a constitución da Rede “representa o mellor exemplo da necesaria transversalidade e responsabilidade compartida entre distintos departamentos das administracións autonómica e local, para que calquera iniciativa que se leve a cabo cumpra eficazmente os obxectivos para os que foi creada”.

Tras as intervencións institucionais, tivo lugar a declaración formal de constitución do Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística, que correu a cargo do seu presidente, Anxo Lorenzo, mentres que actuou como secretario o coordinador técnico da Rede, Valentín García Gómez, técnico local de normalización lingüística desde 1994.

93 entidades adheridas

A continuación, levouse a cabo a ratificación con carácter definitivo da incorporación das entidades provisionalmente adheridas á Rede. Actualmente, son 93 as entidades adheridas, entre as que se encontran 88 concellos das catro provincias galegas, a Deputación Provincial de Ourense, o Consello da Cultura Galega e as mancomunidades de Arousa Norte, de Terras de Celanova e da Comarca de Fisterra.

O resto de cuestións para tratar na orde do día centráronse, por unha banda, na estrutura da Rede, co nomeamento dos titulares dos órganos unipersoais e a proposta de vogais para a Xunta Directiva, e, por outra banda, no seu funcionamento, sobre o que se presentou unha proposta de regulamento interno, ao que as entidades poderán propoñer achegas e modificacións que serán debatidas nunha vindeira sesión.

Programa de actividades para 2012

Finalmente, Anxo Lorenzo avanzou as próximas iniciativas para poñer en marcha a Rede, entre as que se atopa a aprobación do programa de actividades para 2012, prevista para o mes de decembro. Será a Área Técnica da Rede a encargada de elaborar unha serie de propostas para que poidan ser desenvolvidas polas comisións de traballo da entidade. Para final de ano tamén está prevista unha sesión formativa dirixida aos técnicos e técnicas da Rede, que permitirá fixar unha metodoloxía de traballo común.

Lograr avances efectivos

No remate do acto, Anxo Lorenzo afirmou que, coa constitución da Rede, “hoxe damos un primeiro paso que pode ser histórico na promoción da lingua desde os concellos”. “Estou convencido –engadiu– de que este é un paso máis nese camiño que seguimos abrindo e que debe ser integrador e rigoroso nas súas actuacións para lograr que os avances poidan ser efectivos e celebrados tamén de aquí a un tempo”.