Política Lingüística publica os resultados definitivos das probas do Celga 3 e mañá dará a coñecer os do Celga 1

Un total de 482 persoas superaron os exames do Celga 3 da convocatoria de xuño de 2011, realizada en Galicia, resto de España e Europa

Os aptos e non aptos dos niveis 2 e 4 fixéronse públicos a semana pasada

Mar, 25/10/2011 - 16:40
Logotipo do Celga
Logotipo do Celga

Un total de 482 persoas superaron as probas de Certificación de coñecemento da lingua galega (Celga) do nivel 3, na convocatoria de xuño de 2011. Os resultados definitivos cos aptos e non aptos destes exames, que se realizaron en Galicia, resto de España e Europa, poden consultarse desde hoxe no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en www.xunta.es/linguagalega.

Neste sitio web tamén están accesibles desde a semana pasada os resultados das probas do Celga 4 e do Celga 2, que superaron 603 e 440 persoas, respectivamente. No que respecta aos exames do Celga 1, a secretaría xeral fará públicos mañá os aptos e non aptos deste nivel.

As probas Celga da convocatoria de xuño de 2011 realizáronse nun total de 24 cidades de Galicia, do resto de España e de Europa, os días 18, 19, 25 e 26. Na comunidade galega tiveron lugar nas escolas oficiais de idiomas das cidades de Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. No resto do Estado español, os exames realizáronse en Alacante, Barcelona, Granada, Bilbao, Cáceres, Madrid, Murcia, Ponferrada, Salamanca e Vitoria-Gasteiz. Ademais, as probas Celga tamén se levaron a cabo no estranxeiro, concretamente en Berlín, Praga, Faro, Heilderberg, Leipzig, Lisboa, Oxford, París e Varsovia.

O sistema Celga

Co obxectivo de potenciar a aprendizaxe do galego por parte de toda a poboación adulta, creouse o sistema de certificación da lingua galega, Celga, adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas. Configurado mediante distintos niveis de lingua, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.

Cursos para preparar as probas

Anualmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca probas para a obtención destes certificados acreditativos de coñecemento do idioma e mais cursos para prepararse para elas. Ademais da modalidade presencial, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece formación a distancia desde o ano 2010, dispoñible para o nivel do Celga 1. ..

Menús News node R

Colectivo