A Xunta convoca o concurso Eduemprende Idea 2021, para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado

Está dirixido a estudantes matriculados nas ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de grao medio e de grao superior

Sáb, 01/05/2021 - 11:16

A Xunta de Galicia vén de convocar o concurso Eduemprende Idea 2021, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado de Formación Profesional a través da elaboración de proxectos empresariais concretos.

Tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria está dirixida aos estudantes que no presente curso estean matriculados en ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.

O certame, enmarcado no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, conta coa colaboración da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape.

As persoas que desexen participar deberán achegar coa solicitude unha ficha das e dos integrantes do grupo (mínimo de dous e máximo de catro), un proxecto de empresa e un resumo executivo e un vídeo de presentación do mesmo. O prazo remata o 18 de maio.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Premiarase aos tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade, unha dirixida a ciclos de grao superior e outra a ciclos de grao medio. En calquera caso, nas dúas modalidades o premio consistirá na incorporación a un viveiro de empresa da Consellería, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3.000 € (1º premio), 2.000 € (2º premio) e 1.000 € (3 premio).