A Consellería de Educación fomenta o espírito emprendedor entre o alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con xornadas informativas no marco do Día do Emprendedor

O departamento educativo da Xunta de Galicia está a celebrar xornadas para o impulso da iniciativa emprendedora, no marco do plan ‘eduemprende’

Estas accións rematarán vindeiro 25 de outubro coa celebración do Día do Emprendendor

Dom, 23/10/2011 - 10:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, está a celebrar xornadas para fomentar o espírito emprendedor do alumnado e profesorado de 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, dentro das accións que se están a realizar para o Día do Emprendedor 2011.

As actividades rematarán o vindeiro día 25 coa celebración da sexta edición do Día do Emprendedor, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.

No marco do plan de emprendemento no sistema educativo galego, ‘eduemprende’, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad levou esta semana aos pazos de feiras e exposicións das cidades de Lugo e Ourense un programa de actividades específicas dirixidas a orientar ás alumnas e alumnos que sintan interese por desenvolver os seus propios proxectos empresariais, así como a guiar ao profesorado para prestarlles unha axeitada axuda.

En ambas as dúas xornadas desenvolvéronse charlas profesionais e relatorios de experiencias emprendedoras, para o que se contou coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e de BIC-Galicia. As actividades focalizáronse en dúbidas clave como se é posible emprender antes dos 18 anos, ou o valor dos viveiros de empresa nos centros que imparten Formación Profesional, viveiros que a Consellería está a implantar nos Centros Integrados de FP.

Doutra banda, e dentro do plan de formación permanente do profesorado, impartiuse a primeira sesión da actividade “Construíndo equipos emprendedores aos 15 anos”, dirixida aos docentes que imparten materias relacionadas co emprendemento ou estean interesados en fomentar actitudes neste sentido no ámbito educativo. As restantes dúas sesións desenvolveranse na primeira e segunda quincena de novembro.

eduemprende

Mediante a organización deste tipo de iniciativas, no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, 'eduemprende', a Consellería de Educación pretende fomentar a capacidade emprendedora, persoal e profesional do alumnado, potenciando o desenvolvemento de proxectos de tipo empresarial e liñas de negocio innovadoras con proxección de futuro dos que toda a sociedade galega poida beneficiarse.

O profesorado, base fundamental do sistema educativo, tamén é obxectivo do programa, pois tamén se procura a mellora da capacitación en materia de emprendemento, de todos aqueles docentes que apoien ao alumnado con propostas emprendedora, mediante o curso específico de formación impartido por BIC-Galicia.