Román Rodríguez reafirma o compromiso da Xunta coa lingua, que ten os índices de competencia máis elevados do Estado

O conselleiro de Cultura defende no Parlamento que o ensino está cumprindo a súa función formativa, tal e como reflicte o informe PISA, que certifica que somos a comunidade onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade
Mér, 28/04/2021 - 12:52

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, defendeu hoxe que a lingua galega é un exemplo de convivencia para o resto do Estado e o seu uso ten os índices de competencia máis elevados de todas as Comunidades autónomas con linguas cooficiais, o que avala o modelo lingüístico galego.

Nunha pregunta no Pleno do Parlamento, Román Rodríguez reafirmou o compromiso do Goberno co galego, que está a reforzarse como lingua maioritaria de Galicia, tal e como reflicten os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Nesta estatística constátase que o número de galegofalantes aumenta por primeira vez desde que se rexistran datos deste tipo. Así pois “hoxe falan galego máis persoas na nosa Comunidade que hai cinco anos”, sinalou o conselleiro.

Os resultados do modelo lingüístico galego tamén se trasladan ao sistema educativo, cun sistema normalizado, baseado no equilibrio e avalado polo informe PISA, que constata que Galicia é a comunidade onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade, e o 96% dos alumnos afirman falalo bastante ben como para conversar con outras persoas por diante doutras comunidades con lingua propia. Polo tanto, en palabras do conselleiro, “o ensino está cumprindo a súa función de formación en lingua galega”, na medida en que lle “engade valor á nosa estratexia de acción dirixida ás xeracións novas”.

Fronte a quen queren empregar a lingua como motivo de confrontación, Román Rodríguez apelou ao diálogo para continuar sendo “un exemplo de convivencia e tolerancia” para o resto do Estado. Nesta liña, asegurou que o seu departamento vai seguir traballando a prol da dinamización e da promoción da lingua, favorecendo as actitudes positivas e ampliando os seus usos.