A Xunta convoca os Premios Extraordinarios de Bacharelato, que recoñecen os méritos académicos do alumnado do curso 2020/21

Os aspirantes deben ter unha media igual ou superior a 8,75 puntos, así como quedar entre os 20 primeiros nunha proba específica á que deben presentarse

Os interesados dispoñen de prazo ata o 26 de maio para inscribirse

Xov, 22/04/2021 - 13:00

A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2020/21, un galardón que impulsa cada ano a Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de recoñecer os méritos académicos dos alumnos desta etapa educativa.
Como se recolle no Diario Oficial de Galicia, poderán acadar estes galardóns, dotados cada un deles con 1.000 euros, un total de 20 alumnas e alumnos. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. O obxectivo é recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estas ensinanzas.

Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que teña rematado estes estudos no curso 2020/21 nun centro docente de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso; e que obtivese unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos.

Ademais, as persoas candidatas deberán realizar unha proba presencial, que terá lugar o día 23 de xuño, e que está estruturada en dúas partes. A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato.

A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.

Solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 27 de abril e o 26 de maio. A presentación será, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu, desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.