A VII xornada de Normalización Lingüística de Ferega ofrécelles aos docentes recursos para promover o galego desde a escola

O responsable de Política Lingüística inaugurou hoxe a xornada, que inclúe propostas de actividades musicais, artísticas e literarias, e recursos na rede

Anxo Lorenzo destacou o importante labor levado a cabo por Ferega durante anos para favorecer o uso da lingua galega en todo o ámbito educativo

Ven, 21/10/2011 - 14:27
Anxo Lorenzo participou na inauguración das xornadas
Anxo Lorenzo participou na inauguración das xornadas

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na inauguración da VII Xornada de Normalización Lingüística organizada polas Escolas Católicas de Galicia (Ferega-Ceca). Durante o acto, que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela, o secretario xeral subliñou “o importante traballo que leva realizando durante anos Ferega-Ceca a prol da dinamización lingüística desde os centros de ensino”.

Dúas das persoas da entidade máis implicadas con este labor son o seu secretario autonómico, Xosé Francisco Martínez Reboiras, e a súa responsable de normalización lingüística, Esther Balboa Illodo, que acompañaron a Anxo Lorenzo na presentación desta  xornada dirixida ao profesorado.

Tamén participou no acto o escritor Xosé Neira Vilas, que recibiu unha homenaxe na xornada con motivo dos cincuenta anos da publicación súa obra Memorias dun neno labrego, a máis lida e traducida da literatura galega. O evento tamén conta cunha presentación sobre o papel da Real Academia Galega na lingua e na literatura galegas.

Obradoiros

Diversos obradoiros, centrados na creación literaria, na música e na banda deseñada, constitúen a parte central da xornada. A través deles, búscase presentarlles aos docentes actividades e recursos de utilidade dirixidos a promover o uso do galego entre o alumnado de infantil, primaria e secundaria.

Francisco Castro será o encargado de presentar iniciativas arredor da creación literaria, partindo dos xornais como fonte de inspiración. Mentres, Alberto Barreiro e Anxo Fariña propoñeranlles aos docentes actividades de dinamización lingüística centradas na música e tradicional oral, e mais no cómic, respectivamente. Finalmente, Beatriz García Turnes será a encargada de pechar a xornada cunha presentación sobre recursos de internet en galego para o alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria.

Apoio a un amplo labor

A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia desde hai anos o labor que promove Ferega-Ceca para favorecer o uso do galego desde os centros de ensino relixiosos de Galicia. As súas actuacións, que se realizan ao abeiro do marco de colaboración que manteñen a entidade e a secretaría xeral, abranguen diferentes perfís. Para o alumnado, promoven iniciativas de ampla repercusión, como a Festa da Lingua ou o Concurso de Curtametraxes Rec-Curta. Tamén convocan, tanto para o alumnado como para os pais e nais, o Premio Frei Martín Sarmiento, no que participan miles de persoas.

Nas actuacións dirixidas á docencia, ademais da Xornada de Normalización Lingüística, Ferega-Ceca leva a cabo a distribución de materiais de apoio para a aula e promove o intercambio de recursos a través da rede. Para o ámbito administrativo difúndense modelos de documentos habituais no funcionamento dos centros en lingua galega. Ademais, Ferega-Ceca tamén distribúe entre a pastoral oracións, partitura de cantos relixiosos e outras publicacións informativas en galego.

Menús News node R