Román Rodríguez destaca o papel esencial das bibliotecas escolares como espazos de encontro cultural e de coñecemento

A Xunta está xa a traballar nun novo Plan LÍA (Lectura, Información e Apredizaxe)
A cita reúne a 750 persoas e conta con relatores de prestixio, como Irene Vallejo, e coa experiencia de 11 centros educativos galegos en diferentes actividades
Xov, 15/04/2021 - 19:24

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2020/2021, onde salientou o papel deste “corazón dos centros” como elementos transformadores, “espazos de encontro cultural e de coñecemento, abertos aos novos retos da sociedade, á tecnoloxía, á ciencia, pero tamén lugares de encontro social, de inclusión e creación que axudan a construír alumnado formado e informado .

Neste sentido, agradeceu o traballo dos asistentes, especialmente no contexto da pandemia, “xa que a pesar das dificultades conseguistes que estes espazos seguisen sendo lugares clave para manter o vínculo coa lectura e escritura, pero tamén para manter a relación entre o alumnado e o ámbito académico, motivándoos a seguir aprendendo a través de distintos medios, soportes e formas de expresión”.”Galicia pode estar profundamente orgullosa do seus sistema educativo e nomeadamente das súas bibliotecas escolares”, engadiu.

Por outra banda, o conselleiro indicou que o seu departamento está xa a traballar nun novo Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), “a folla de ruta para as distintas actuacións de mellora destes espazos e a prol do fomento da lectura nos centros de ensino”.

Relatores de prestixio

Os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) celébranse hoxe e mañá por vía telemática e reúnen a preto de 750 persoas, principalmente responsables das bibliotecas escolares integradas neste programa.

A cita conta con relatores de prestixio como Irene Vallejo, autora de El infinito en un junco (Siruela, 2019), Premio Nacional de Ensaio 2020, entre outros galardóns, que será entrevistada pola xornalista Susana Pedreira.

Atraída desde a infancia polas lendas de Grecia e Roma e polo mundo mediterráneo, estudou Filoloxía Clásica e obtivo o Doutoramento Europeo polas Universidades de Zaragoza e Florencia. O seu ensaio máis recoñecido naceu na súa estadía nas bibliotecas florentinas, rodeada de manuscritos, naceu o seu ensaio. Convertido xa nun éxito editorial, superou as trinta edicións, está sendo traducido a 30 idiomas e será editado en máis de 40 países.

Forma tamén parte do programa o relatorio Educar contra a desinformación, de Daniel Cassany Comas, doutor en Filosofía e Letras, é profesor e investigador de Análise do Discurso na Universitat Pompeu Fabra, de Barcelona. Con máis de 15 monografías publicadas sobre escritura e ensinanza da lingua como La cocina de la escritura (1996), Tras las líneas (2006) ou Afilar el lapicero (2007), o relator é ademais autor duns 100 artigos científicos en boletíns e actas de congresos neste eido. Foi profesor invitado en institucións de máis de 25 países en Europa, América e Asia, destacando a súa última publicación El arte de dar clase (segundo un lingüista), en Anagrama.

Ademais, como é habitual, varios centros educativos galegos exporán ao longo do encontro as súas experiencias como bibliotecas de referencia, este ano a do CEIP O Graxal (Cambre) e a do IES Basanta Silva (Vilalba).

Así mesmo, explican no evento as súas boas prácticas en fomento da lectura outros nove centros educativos. Deste xeito, o IES A Basella (Vilanova de Arousa) e o CEP Brea Segade (Rianxo) afondan no programa Hora de ler e nas actividades de formación lectora, a EOI de Ferrol e o CEIP Emilia Pardo Bazán( A Coruña) nas experiencias dos Clubs de Lectura, o CEIP Milladoiro (Malpica) e o IES Francisco Aguiar (Betanzos) sobre lectura crítica e o CEIP de Chancelas (Poio), a CRA de Culleredo e o CEIP Nicolás del Río (Cedeira) no papel das familias na biblioteca escolar.