A Xunta de Galicia convocará 1.604 prazas nas oposicións de ensino de 2021, o 85% delas de novo ingreso

Haberá convocatoria nos corpos de mestres, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas, de artes plástica e deseño
Comprométense xa case 5.500 prazas no ámbito docente en só dous anos
Mar, 13/04/2021 - 12:59

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, presentou a nova Oferta Pública de Emprego

A Xunta de Galicia publicará neste 2021 unha oferta de emprego público cun total de 1.604 prazas no ensino, das que máis do 85% –en concreto 1.372 prazas– serán de novo ingreso. Así llo transmitiu o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial Docente non Universitaria.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade compromete un total de 5.498 prazas para educación entre as ofertas de 2020 e 2021. As probas da oferta de 2021 desenvolveranse no ano 2022, dado que neste ano se realizarán as que non se puideron facer no 2020 por mor da pandemia.

Tal e como explicou o director xeral, está previsto que a oferta de emprego público docente correspondente a 2021 inclúa prazas nos corpos de mestres, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas, de artes plástica e deseño.

Renovación de directores

Na mesa sectorial celebrada esta mañá tamén se analizou a orde pola que se e convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos, a través da que está previsto renovar a dirección de 436 colexios e institutos.

Así mesmo, abordouse o texto do anteproxecto de decreto polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento das direccións dos centros docentes públicos, conforme ás novas especificacións da LOMLOE.

Exames recuperación

Por outra banda, a mesa sectorial continuará mañá coa proposta de cambio no calendario escolar para modificar no curso 2021/2022 as datas dos exames de recuperación do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica e realizalos no mes de xuño, na liña do que se vén facendo en 2º de Bacharelato desde o curso 2018/2019, e en numerosas comunidades autónomas.

En concreto, o borrador do calendario escolar do curso 2021/2022 prevé que o alumnado de ESO, Bacharelato e primeiro curso de FP Básica realice as probas de recuperación entre o 17 e o 21 de xuño de 2022. Este curso 2020/2021 aínda non haberá modificacións e desenvolverase seguindo o sistema previsto.

O obxectivo deste cambio é, fundamentalmente, beneficiar o alumnado, que poderá realizar os exames de recuperación cos contidos máis recentes, con maior posibilidade de aprobar. Así mesmo, isto facilitará a organización do curso seguinte tanto aos docentes, como aos centros e ás familias.

Con este adianto, está previsto que o curso 2022/2023 poida iniciarse antes que en anos anteriores en todas as etapas, o que facilitará a conciliación da vida laboral das familias.