A Xunta establece un procedemento regrado para a aprobación de centros e institutos de investigación universitaria

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar a orde que regula, dun xeito obxectivo e transparente, a autorización dos entes de investigación que crean as universidades dentro da súa autonomía

Mar, 13/04/2021 - 11:17

A Xunta de Galicia pon en marcha un procedemento regrado para a autorización de centros e institutos de investigación universitaria co fin de establecer unhas pautas obxectivas e transparentes para a aprobación deste tipo de órganos que crean as universidades no marco da súa autonomía.

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que a partir de agora rexerá para a autorización destas estruturas de investigación. Tal como establece a orde, serán as propias universidades quen teñan que solicitar tal autorización e cumplimentar os trámites preceptivos. Como se trata de un proceso aberto no tempo, cada universidade pode inicialo en calquera momento que así o considere.

Os centros e institutos de investigación que as universidades presenten para a súa aprobación por parte da Xunta deberán ter iniciado o seu procedemento de creación e cumprir cunha serie requisitos como contar cunha base de persoal investigador, persoal de apoio e infraestruturas para levar a cabo as súas funcións de xeito adecuado, acreditar unha expectativa de autocofinaciamento suficiente e cun sistema de gobernanza apropiado e eficaz e un rigoroso sistema de rendición de contas ante os seus órganos xestores.

Como documentación complementaria, a solicitude debe ir acompañada de acordo favorable do Consello de Goberno, de informes favorables da Asesoría xurídica e do Consello Social da universidade ou universidades (se se trata dun órgano interuniversitario) propoñentes. Ademais, deberán presentar un resumo executivo coa proposta, a certificación do persoal investigador, persoal técnico e de xestión co que conta, coas súas categorías e funcións; un estudo de viabilidade económica ou plan financeiro que acredite a expectativa de autofinanciamento e a carteira de servizos.

Avaliación externa

Cada solicitude será obxecto dunha avaliación externa, do ditame da Comisión asesora do Programa de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia e Informe do Consello Galego de Universidades. Unha vez obtidos todos os informes favorables, a proposta será tramitada ante o Consello da Xunta para a súa aprobación final.

No caso dos oito centros de investigación que forman parte da rede de Centros de Investigación de Galicia (CIGUS) e que son obxecto dun financiamento estrutural por parte da Xunta de Galicia con cargo ás axudas para a acreditación, estruturación e mellora de Centros de Investigación do SUG, non terán que someterse a este proceso ata finais de 2022, cando remate a vixencia das axudas de 18M€ que reciben do Goberno galego.